Migración
Dime de onde vés e direiche quen es

Como repercuten as fronteiras nos corpos e identidades das persoas migrantes? As fronteiras constrúen as narrativas da migración, que son reproducidas e perpetuadas tanto por quen migra como polas sociedades que ‘os recibe’. Como ven as políticas migratorias as persoas migrantes? Como inflúen estas políticas na perspectiva que os ‘autóctonos’ teñen do estranxeiro? Inflúe a resposta dalgunha destas preguntas na resposta da outra?

galicia migrante
Durante o século XIX Galiza propociona o 20% dos emigrantes peninsulares a pesar de contar soamente co 10% da poboación total do Estado. Sara Guerrero Alfaro
18 sep 2019 18:00

Sabaxáns, Pontevedra (1971). Carmen respira e volve repasar mentalmente todo o que gardou na maleta para asegurarse de que non esquece nada. Está a piques de saír da casa para tomar un tren cara Suíza, onde se encontrará con seu marido. Aos seus 21 anos Carmen está ansiosa por deixar a súa casa na aldea, onde os cartos e unha boa cea son anhelos persistentes. Non sabe con que se vai atopar en Basilea, pero sen dúbida calquera cousa será mellor que o que apenas ten na Galiza.

Seixido, Pontevedra (1974). Concepción está nerviosa. Aos seus dez anos non pode pensar en como será vivir na “grande” Cidade de México. Ela e a súa nai quedaron de verse na estación de Pontevedra con Olga e Olimpia, acompañadas dos seus respectivos fillos, pois farán a viaxe a México xuntas. Ao remate do día subirán ao avión emocionadas: a todas espéraas o marido á outra beira do océano.

Dúas mulleres galegas nadas na mesma provincia emigran en direccións contrarias na mesma época. Por unha banda, a elección de migrar cara Europa central e norte veu dada tanto pola precaria situación económica, acentuada polo réxime político posterior á Guerra Civil, como pola reconstrución económica europea trala II Guerra Mundial, na que países industrializados como Holanda, Alemaña, Reino Unido e Francia precisaron dunha grande cantidade de man de obra.

migración galiza 3
Na actualidade Galiza recibe a descendentes das persoas que no seu momento emigraron. Sara Guerrero Alfaro

“Asígnase aos países mediterráneos menos industrializados, como Portugal, España, Italia ou Grecia, a tarefa de proporcionar migrantes pouco cualificados que reciben baixos salarios para cubrir eses ocos”, afirma José María Cardesín, doutor en Historia e profesor catedrático na Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña (UDC). Por outra banda, a partir dos 50, o boom petroleiro que viviron México e Venezuela reactivou con forza o fluxo migratorio Galiza-América, cuxa historia remóntase máis de 200 anos.

Carmen e Concepción son paradigmas do que foron as migracións galegas cara Europa central e Latinoamérica na segunda metade do século pasado

Pilar Cagiao, docente na USC e experta en fluxos migratorios a Latinoamérica menciona que o americano “é o caso máis claro no que se dá continuidade a unhas migracións que xa eran anteriores. Ante a necesidade de marchar (os migrantes) fano a aqueles lugares onde poden dispoñer de certas redes de apoio que xa veñen de atrás”.

As de Carmen e Concepción son paradigmas do que foron as migracións galegas cara Europa central e Latinoamérica na segunda metade do século pasado. A pesar de que ambas mulleres galegas emigraron na mesma década os destinos de cada unha recibíronnas de xeitos diametralmente distintos.

Sabaxáns, Pontevedra (2019). Ante a pregunta “por que Suíza?”, Carmen responde co ton de quen contesta una obviedade: “Porque aló facían os contratos”. Despois anímase a contar a historia completa: “O meu marido era un paxaro voador. Marchou [da Galiza] con 13 anos para Lisboa porque alá estaba o seu pai. Despois, aos dezanove, marchou a Inglaterra e aló traballou nos barcos. O seu irmán traballaba en Suíza e arranxoulle un contrato para que fose aló. Xusto uns meses antes de amañar ese contrato comezou a saír comigo, pero era todo por carta, eh? Non había teléfono. Así estivemos ano e medio ata que casamos e marchei, porque unha vez estando meu marido en Suíza eu podía estar só tres meses, pero sen traballar. Despois tiña que regresar. Entón esperei os tres meses e logo conseguín un contrato nun restaurante”.

Cidade de México (2019). Concepción chegou a México en 1974, con apenas dez anos: “Primeiro veu o meu papá. Tróuxoo o meu avó materno para que tivera un mellor porvir, porque naquel tempo en España estaba aínda Franco e non había moito para saír adiante. A maioría [da veciñanza] víñase para acó [México]. Entón, un ano antes ca min, viaxou meu papá para conseguir un lugar onde vivir, asentarse e podernos traer despois. Primeiro viaxou como turista. Xa estando aquí tiña que regularizarse. Tivo que topar a alguén cun negocio que o contratase. El logo xa tivo varios negocios. Para ter a residencia tiña que pagar un referendo de catro anos. Aos cinco dábancha. Cando a miña mamá e eu chegamos el fíxose cargo de nós e dos papeis. Foi un trámite facilísimo, non houbo ningún problema”.

A pesar da creación de tratados bilaterais entre España e algúns países europeos para permitir o fluxo migratorio, no caso galego, segundo José Cardesín, “a inmigración que hoxe chamamos irregular foi tremendamente importante”. “[Os migrantes] saían maioritariamente como turistas. Cando ás veces facemos unha distinción entre esta clase de migración e os “sinpapeis” hai que prestar atención, porque non toda a xente marchou regulada polo Instituto Español de Migración. [Quen saía coa documentación] foi unha minoría”, comenta.
Non toda a xente marchou regulada polo Instituto Español de Migración. Quen saía coa documentación foi unha minoría

Grazas ás testemuñas documentadas, legadas polo xornalista Arturo Lezcano, pódese dar conta das verdadeiras dificultades nos procesos de regularización. Ao falar con migrantes en Francia Lezcano anotou que a maioría “chegaba como turista”. “Moitos legalizaron o seu estado ao obter a carta de traballo logo dun ano de permanencia á mercé, moitas veces, de patróns que os explotaban. Precisamente por iso víronse obrigados a aguantar, mes tras mes, pesados traballos e situacións inxustificadas ata lograr reunir o mínimo de permanencia laboral e cubrir satisfactoriamente o laborioso trámite que a lexislación francesa esixe”, escribiu.

Se ben a inmigración irregular tamén estivo presente no fluxo migratorio Galiza-América, non hai rexistro de que este tipo de situacións de explotación e precariedade en pos de regular o status xurídico sucederan aos migrantes galegos no territorio latinoamericano. Parecera que dende o primeiro momento do proceso migratorio comezase a ser visíbel a desigualdade nas situacións nas que foron recibidas as persoas migrantes en cada contexto.

galiza migrante 2
Nos países nos que existía un vínculo colonial, os españois conseguiron alcanzar cotas de maior benestar Sara Guerrero Alfaro

Sabaxáns (2019). Carmen lembra o seu primeiro traballo en Basilea: “Fixéronme un contrato nun restaurante, comecei fregando pratos. Alí traballaban puros galegos e algún italiano e por iso non aprendín nada de alemán. Despois pasei á lavandaría, onde tiña que lavar, pasar o ferro e coser a roupa dos xefes. Ao principio non me querían coller porque non sabía nin como se dicía cubo en alemán, pero ao final colléronme e aprendín un pouco. O traballo quedábame a media hora de camiño e sempre fun andando para non gastar oito pesetas no autobús. Vivía con catro italianos nun piso sen lavadora. Tiñamos unha táboa e lavábamos na bañeira. Tiñamos que compartir o tempo porque todos madrugabamos á mesma hora. Despois quedei embarazada. Traballei até o último momento, porque o médico non me daba a baixa. Cambiei de traballo porque só me daban seis semanas de maternidade e fun traballar a un supermercado. Ás 4h40 levaba ao meu fillo á gardería, o traballo comezaba ás 6h40 e remataba ás 16h”.

Cidade de México (2019). Cando Concepción chegou a México, sobre todas as cousas, o que máis lle gustou foi vivir nun piso: “Chegamos a un departamento amoblado. A min pareceume un piso moi bonito, porque era totalmente novo e eu tiña o meu cuarto propio, cousa que nunca tivera. No edificio onde viviamos, viviamos puros españois. Se chegaba a vivir unha persoa mexicana non nos relacionábamos con ela. De nena si me xuntaba na escola con mexicanas, pero fora de aí non me deixaban xuntarme moito con elas nin convidalas á casa. Había moita distancia. Para os mexicanos nós éramos “os gachupines”, pero nunca nos trataron mal. Ao contrario, os mexicanos sentíanse moitas veces inferiores a nós, non sei por que. Incluso para eles, se eras español significaba que tiñas diñeiro, aínda que non o tiveras. Por parte dos españois… moitos sentíanse superiores aos mexicanos. Porque aínda que chegabas a traballar de empregado facíalo para españois. Eu lembro moitos comentarios de españois moi racistas e clasistas.

Migración
A Soneira alén dos Alpes
Suíza foi o destino de moitas migrantes da Terra de Soneira ás que por fin se lles deu voz nun libro escrito por Carmen V. Valiña.

Basta con facer un mapeo dos fluxos migratorios a nivel global, e incluso a nivel nacional, para dar conta das relacións asimétricas entre Norte e Sur —entre centro e periferias— que revelan un desequilibrio socioeconómico que causa que as persoas do Sur e das periferias, na procura de mellores condicións de vida, se vexan obrigadas a migrar cara os grandes centros nos que se concentran os recursos. Ao volverse un movemento constante comeza un proceso de estigmatización contra esas persoas que se viron na necesidade de desprazarse.

Jesús M. González, experto en demografía galega, apunta a unha distinción: “Os fluxos [ou migrantes] bos están compostos polo capital, a propiedade intelectual e os traballadores cualificados”. Noutras palabras, son aqueles migrantes que, ou proveñen de países con prestixio —habitualmente localizados no norte—, ou que teñen algunha profesión que recibe un visto bo de parte da hexemonía ética. Os “non desexados” serían aqueles que comprometen a orde das cidades, ao seren traballadores pouco cualificados, inmigrantes forzosos ou refuxiados. Este último grupo é criminalizado e ve como se lle pechan as fronteiras.

Abriendo Froteras Mugak Zabaldu 2019 1
Isto é o que atopan as persoas migrantes na actualidade, xunto cunha lei de estranxeria que cada vez máis colectivos califican de racista.

Carmen e Concepción, ambas chegadas de contextos similares, topáronse con que a súa situación e identidade foron construídas no estranxeiro a partir dunha orde social que as clasificou como “boas” ou “non desexadas” na medida en que chegaban do Norte ou do Sur. Cando a política económica define as relacións e os tipos de traballos aos que as persoas migrantes poden aspirar, estas mudan a percepción de si mesmas, colocándose nun nivel social diferente ao do país de orixe. A identidade migrante depende pois da percepción social.

Raquel Martínez, decana de Socioloxía da Universidade da Coruña (UDC), pensa que non é conveniente xeneralizar a maneira na que as persoas galegas foron percibidas nos países aos que chegaban: “Falar en termos xerais sería afondar máis no prexuízo. En todo caso, o certo é que en países en que había un vínculo colonial os españois lograron alcanzar cotas de maior benestar”.

Cardesín explica que antes da segunda metade do século XX as políticas migratorias europeas valoraban a migración non só segundo a clase do migrante, senón tamén pola súa raza: “A ciencia social era racista, críase que había varias razas ata que o holocausto nazi deu unha mala imaxe a esta práctica. No tope estaban os europeos do norte —ingleses, alemáns ou escandinavos—. No medio os europeos do sur —portugueses, españois, italianos, gregos— aos que se consideraba un pouco africanos”.

O maior índice de retorno da migración cara Europa respecto da latinoamericana tivo que ver con ese rexeitamento, a integración non foi tan fácil como se conta

O rexeitamento en contra dos galegos —como contra outros migrantes de Europa do sur—, que moitas veces tomou a forma de apelacións despectivas e comportamentos xenófobos, influiu na creación de comunidades pechadas e, en ocasións, endogámicas. Nese mesmo sentido Pilar Cagiao sospeita que o maior índice de retorno da migración cara Europa respecto da latinoamericana tivo que ver con ese rexeitamento: “Fainos pensar que a integración non foi tan fácil”.

Pero en Latinoamérica a situación foi distinta. Cardesín comenta que, no caso da Arxentina, “atraíanse emigrantes españois porque se trataba de ‘branquear’ a poboación autóctona aumentando a porcentaxe de oriúndos europeos sobre os latinoamericanos ou sobre a poboación negra. Nese sentido os galegos eran ben recibidos”. A percepción sobre os migrantes galegos e, polo tanto, as oportunidades socioeconómicas ás que puideron aspirar permitíronlles escalar na xerarquía social. Laura Oso, coordinadora do Equipo de Socioloxía Migratoria Internacional (ESOMI), conta que moitos “se converteron en xente de cartos e tamén iso facilitou a integración. Non vivían tanto desprezo como os que migraron cara Europa”.

Migración
De América Latina a Galiza: historias da migración
VV.AA.

A arribada do buque Aquarius a València puxo o foco sobre a migración marítima. Este verán viramos a vista cara ao Mediterráneo lamentando a terríbel crise humanitaria que estamos a padecer. A presión social levou ao Goberno de Pedro Sánchez a axilizar a acollida destas persoas —decisión que non se repetiría ao longo do verán— e, unha vez máis, todas e todos fomos Afganistán, Somalia ou Sudán.

Ponteareas, Pontevedra (2019). Yumbel deixou Venezuela e chegou a Galiza en 1998. Non lle custa traballo lembrar que a regularización do seu estado xurídico non foi sinxela. Tivo que vivir dous anos como irregular, traballando “en negro”. Mais as cousas foron mudando a nivel social: “Cando vendía peixe de forma ambulante pasoume varias veces que a xente se fixaba na miña cor de pel e tiña medo, pensaba que lles ía roubar. Tamén hai quen di o típico ‘veñen a quitarnos o traballo’ e resulta que ten dous tíos en Brasil, un curmán en Venezuela e o avó en México. Eu sempre lles tapei a boca dicíndolles: ‘Venezuela nunca lles dixo non cando vostedes chegaron alá. Aínda así noto máis racismo e desprezo de cinco anos para aquí que dende hai vinte. Sobre todo de xente nova, de menos de trinta anos. Moitos racistas estaban agochados e agora saen á luz despois da aparición de Vox”.

Sabaxáns, Pontevedra (2019). Regina é unha estudante mexicana que migrou a Pontevedra en 2017 para estudar un mestrado. Unha vez rematados os seus estudos venceu o permiso de residencia: “Cando cheguei non podía traballar porque tiña o visado de estudante, pero tiña que comer e pagar o aluguer. Por sorte atopei unha muller disposta a contratarme e, aínda así, tardei catro meses en tramitar un permiso de traballo. Unha vez rematados os estudos, logo dun ano, non había forma de renovar a miña residencia. Nin sequera cun permiso de traballo. Tampouco tiña os cartos suficientes para continuar estudando, porque aos estranxeiros cóbrasenos o dobre. Tiven que quedarme como “sinpapeis”. Gústame moito vivir na Galiza, pero non sei canto tempo poderei aguantar esta situación”.

Migración en Galicia
En Galiza emígrase desde hai máis de douscentos anos até o presente. Sara Guerrero Alfaro

Galiza participou en todas as correntes migratorias importantes ao longo da súa historia contemporánea, deixando o saldo migratorio en negativo até 1983. A mediados de 1990 houbo un cambio neste patrón debido ao boom migratorio que se vive até o día de hoxe, ao que os discursos políticos insisten en adxudicar o ton despectivo da calidade da crise. Lezcano escribiu no seu libro de crónicas Cando éramos inmigrantes: “En España tamén hai estranxeiros do norte e do sur. Os primeiros son europeos comunitarios —alemán, británicos…— que teñen residencia permanente ou eventual, boa parte son xubilados. Os segundos son aqueles procedentes do mundo ‘menos desenvolvido’, fundamentalmente africanos, latinoamericanos e procedentes dalgúns países asiáticos que se desprazan a España na procura dun emprego”.

Mentres que a poboación galega na América Latina medrou un 45% na última década, a Xunta de Galiza alármase ante os números vermellos da demografía galega. Como medida paliativa impulsou o plan Estratexia Retorna 2020, no que propón máis de 50 medidas para que entre 20.000 e 22.000 persoas galegas emigradas retornen. A través de subvencións para impulsar a apertura de negocios, axudas económicas para as familias e becas para o alumando, procúrase que as persoas emigrantes, a descendencia da diáspora galega, regresen para rexuvenecer e repoboar Galiza. Porén, non todos os inmigrantes reciben a mesma benvida, incluso a pesar da situación de envellecemento da poboación galega e a súa persistente emigración.

Mentres que a poboación galega na América Latina medrou un 45% na última década, a Xunta de Galiza alármase ante os números vermellos da demografía galega

Aínda contando cunha historia migratoria transcendental —que responde a razóns económicas, laborais ou políticas— o Estado español perpetúa a distinción entre inmigrantes do Norte e do Sur cos seus respectivos prexuízos, que inciden nas leis e na sociedade. Así determinan ou delimitan a vida das persoas migrantes, como unha vez foron determinados os galegos; esquecendo que foron un pobo migrante, dando as costas a quen algunha vez recibiu cos brazos abertos.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Laboral
Laboral Investigada unha rede empresarial que explotaba a 82 migrantes nunha granxa de Lugo
Polo de agora, tres persoas responsables da granxa de Begonte centran as investigacións da Garda Civil. As 82 persoas explotadas vivían nun hotel de Ordes (A Coruña) que non tiña sequera licencia de hostalaría.
Activismo
Movementos sociais A Comunidade de Montes de Tameiga vence ao Celta de Vigo e frea a construción dun centro comercial e un estadio
Os comuneiros e comuneiras desta parroquia de Mos (Pontevedra) conseguen torcerlle o brazo á empresa de Marián Mouriño que accede a renunciar ao 99% do terreo que tentaba ocupar cunha cidade deportiva que o pobo rexeitou con grandes mobilizacións.
Gobierno de coalición
Gobierno de coalición Sánchez resucita el decreto ómnibus con más ayudas a los propietarios
El Gobierno anuncia un acuerdo con Junts para reflotar el decreto que permite revalorizar las pensiones con nuevos avales estatales para caseros. El presidente se compromete a convocar una moción de confianza.

Últimas

Sanidad
Sanidad privatizada Óscar López vuelve a ceder al chantaje de las aseguradoras y aumenta un 41% el dinero para Muface
El gobierno aprueba en el Consejo de Ministros un aumento de las primas para las aseguradoras privadas del 41,2%, superior al que en un primer momento estas empresas demandaban.
Deportes
Liga F Nuevo convenio para las futbolistas: guarderías, mejoras en el protocolo antiacoso o subida salarial
Hace firme los aumentos salariales del acuerdo de salida de huelga de 2023 e incluye todos los puntos que quedaron pendientes entonces. Dos de los sindicatos del banco social se descuelgan de la firma por considerar insuficiente el convenio.
Economía
Fiscal Impuestos de Trump: subida a los consumidores y protección a Silicon Valley
Las primeras medidas fiscales anunciadas por el nuevo presidente de los Estados Unidos dejan bien claras sus intenciones, quiénes se van a beneficiar de ellas y quiénes las sufrirán.
Serbia
Balcanes Dimite el primer ministro serbio, Milos Vucevic, por las protestas estudiantiles contra la corrupción
El país balcánico entra en fase de Gobierno técnico después de que cientos de miles de personas precipitaran la caída de un Ejecutivo al que se acusa de ser responsable de la caída de una marquesina que causó la muerte de 15 personas.
Palestina
Genocidio El ejercito israelí sigue matando en Gaza pese al acuerdo de alto al fuego
Mientras cientos de miles de palestinos y palestinas del norte de Gaza regresan a sus tierras formando una inmensa columna, las fuerzas sionistas prosiguen con sus ataques sobre el pueblo gazatí.
LGTBIAQ+
Estudio Discriminadas en la educación, la sanidad y el trabajo: la situación de las personas LGTBIAQ+ con discapacidad
El 78% de las personas LGTBI+ ha experimentado algún tipo de discriminación en el ámbito educativo. Es una de las conclusiones del estudio ‘La situación de las personas LGTBI+ con discapacidad en España’ presentado este lunes.
València
Lawfare Mónica Oltra es absuelta de calumnias contra el presidente de Ribera Salud
Alberto de Rosa, responsable de la empresa que gestiona las concesiones de sanidad pública de gestión privada, retiró su demanda un día antes del juicio, por lo que ha sido condenado a costas.
Análisis
Análisis La vivienda, un problema democrático
La falta de políticas justas que equilibren las relaciones de poder entre propietarios-rentistas-bancos e inquilinos-consumidores da cuenta de un problema estructural de la democracia.
Barcelona
Barcelona Mossos y Guardia Urbana desalojan a la Antigua Massana sin notificación previa
La orden de expulsión por vía administrativa quedó suspendida el pasado 17 de octubre y los abogados del centro social denuncian que no han recibido ninguna orden judicial de desalojo.

Recomendadas

Medio rural
Reportaxe As mulleres rurais soñan con deixar de ser heroínas
A falta de servizos básicos no rural é a primeira pedra no camiño de quen quere vivir e desenvolver os seus proxectos fóra da cidade. Aínda así, o rural galego atópase á cabeza en canto a titularidade feminina respecto á media do Estado español.
Literatura
Letras Galegas Da Sección Feminina do franquismo ao Cancioneiro Popular Galego: o pobo é quen canta e baila
As cantareiras protagonizarán o Día das Letras Galegas de 2025. Beatriz Busto e Richi Casás fálannos delas, de Dorothé Schubarth, do Cancioneiro Popular Galego e da dificultade de acceder aos arquivos sonoros que conservan as súas voces.
Jaén
Andalucía Lopera no quiere que Greenalia especule con sus olivos
Decenas de pequeños olivareros de la Campiña Norte de Jaén podrían perder sus terrenos en beneficio de una empresa que quiere talar los árboles para instalar siete parques fotovoltaicos.
México
Fronteras Tijuana concentra los estragos del cerrojazo de Trump
Frente a la aduana de Estados Unidos se acumulan los migrantes que se han quedado sin cita para su tramitación de asilo, cuya esperanza merma al ver los grupos de deportados que son devueltos a México.