Minería
Gustavo Castro: “O extractivismo mineiro é devastador e irreversible"

Os tratados de libre comercio cos países empobrecidos repítense agora coa Unión Europea e as xigantes mineiras teñen a Galiza no punto de mira. O ecoloxista mexicano Gustavo Castro, do Movimiento Mesoamericano contra el Modelo Extractivo Minero, advirte dos efectos da industria extractiva en América Latina, onde provocou centos de asasinatos e millóns de desprazamentos forzosos.

Gustavo Castro gz
Gustavo Castro durante a palestra organizada pola Coordinadora Galega de ONGD. Pablo Santiago

Un mexicano chega a Galiza e fai de adiviño no relativo á industria extractiva: leis e tratados a medida, criminalización das protestas ou “voitres” tentando engaiolar aos veciños con dúas promesas: a xeración de emprego e unha minería sostible. Da primeira, Gustavo Castro di que é “mentira” e da segunda, o adxectivo máis suave que lle sae é “imposible”.

Gustavo non é adiviño. Por desgracia, todo o que está a pasar en Touro viviuno anos atrás en México, e con consecuencias moito peores: en 2009, uns sicarios asasinaron ao seu amigo Mariano Abarca por opoñerse á apertura dunha mina e, en 2016, mataron a tiros á xa eterna Berta Cáceres. Gustavo estaba con ela esa noite e é a única testemuña. A súa loita por esclarecer o crime de Berta levouno a ser retido polo goberno hondureño e, despois, a fuxir cruzando o charco. El e as millóns de persoas desterradas saben mellor que ninguén do que é capaz a industria extractiva.

A loita contra esta industria en América Latina ten consecuencias gravísimas para a poboación, coma o desterro das indíxenas ou a violencia contra as activistas ambientais. Cal é a loita agora?
Principalmente a defensa dos territorios. Reflexiónase pouco sobre que xera toda esta violencia e impunidade, mais é sinxelo de entender: os gobernos asinan tratados de libre comercio e permiten a extracción de recursos naturais. As regras son: “invisto no teu país, preciso seguridade xurídica e para iso tedes que cambiar a Constitución”. Antes había leis para defender os sectores produtivos da poboación pero cos tratados, as empresas esixen cambios para ter os recursos precisos para poder extraer os minerais.

Gustavo Castro en Bama mina
Gustavo Castro conversando cos veciños de Bama (Touro). Imaxe: Coordinadora Galega ONGD
Ese só é o inicio: por exemplo, para extraer ouro precísase moita auga, de onde a sacan? Pois hai que privatizar ríos, facer embalses... Entón hai que cambiar tamén a lei ambiental. O segundo paso é comprar todas as empresas estatais: telefónicas, bancos, petroleiras... O terceiro paso é extraer, para o que fan falta máis modificacións legais, e aí comezou a resistencia. Chega por exemplo a empresa Monsanto, precisa terreo para cultivar e expulsa das súas terras aos campesiños. Despois repetiron o modelo con outros minerais e os gobernos permitírono. En México, antes do tratado de libre comercio, o 52% da terra era dos campesiños indíxenas, pero as empresas dixeron: «Como me convidas ao teu país se a metade do territorio está protexido por lei?» Entón o goberno cambia a lei, aperta aos campesiños, quítalles as axudas, afógaos e aos campesiños non lles queda outra que vender.

Para os gobernos é máis doado reprimir que pagar, entón modifican os códigos penais para criminalizar dereitos como a mobilización pública

Ante estas expropiacións e a expulsión da poboación local, á xente só lle queda protestar. Que fan os gobernos?
Co tempo perfeccionáronse os tratados de libre comercio e incluíron o concepto de “expropiación indirecta”: unha empresa chega cun seguro de inversión e se o goberno lle quita a concesión, a empresa demándao e o goberno ten que pagarlle moitísimos millóns de cartos. Está claro que para os gobernos é máis doado reprimir que pagar, entón modifican os códigos penais para criminalizar dereitos como a mobilización pública, e lle chaman terrorismo, bloqueo ao plan nacional de desenvolvemento... Con estas desculpas, os gobernos reprimen.

Como defender o territorio neste contexto de represión?
As comunidades e as asociacións veñen facéndoo cuns custos moi elevados. A estratexia debe pasar pola prevención: as comunidades teñen que organizarse e comezar por identificar os recursos que poden ser explotados, non dialogar coa empresa, non permitir que as autoridades firmen acordos, non vender as terras e tentar controlar as administracións municipais. Canto antes se afronten estes problemas, mellor. A loita esixe mobilizacións, desgaste, avogados, presos e ás veces, tamén mortos. Antes de iso, hai que protexer o territorio para evitar que os voitres baixen.

O interese das transnacionais é tan grande que son capaces de calquera cousa. Cando se vaian esgotando uns camiños irán probando outros, así de sinxelo. Así foi alá. A violencia aumentou na medida en que aumentou a resistencia.

En Galiza, por sorte, é impensable o asasinato de activistas. No caso de Touro, presentáronse 1500 alegacións e a loita contra a mina está tendo certa repercusión mediática. É suficiente para frear os intereses dunha multinacional?
Afortunadamente non hai mortos, pero hai que ter coidado. Esquécesenos que España é segundo país con máis desaparecidos do mundo. Nese sentido non hai que confiarse. A presión e o interese das transnacionais é tan grande que son capaces de calquera cousa. Cando se vaian esgotando uns camiños irán probando outros, así de sinxelo. Así foi alá. A violencia aumentou na medida en que aumentou a resistencia. Cando unha comunidade se organiza é incómodo para as inversións, pero moitas veces reaccionamos moi tarde.

Manifestación mina touro
Resistencia veciñal contra a mina de Touro. Pablo Santiago

En Galiza aprobouse a chamada ‘Lei Depredación’, que desregulariza, entre outros, o ámbito mineiro e axiliza as inversións estranxeiras.
É exactamente o mesmo mecanismo que en todo o mundo. Nalgún momento a cidadanía reaccionará e veremos cal é a reacción das empresas. A violación dos dereitos é tan alta por parte destas que a ONU xa está traballando nun tratado vinculante para garantir os dereitos.

O extractivismo mineiro é o megaproxecto de maior impacto social e ambiental que hai. É devastador, irreversible. 
Arinteiro é unha aldea que, de saír adiante o proxecto de Touro, quedará rodeada cercada por balsas. Moi semellante a Cerro de San Pedro, en México, onde hai unha mina a ceo aberto a uns metros das casas. Cal foi a afectación á poboación desta vila mexicana?
O extractivismo mineiro é o megaproxecto de maior impacto social e ambiental que hai. É devastador, irreversible e as afectacións ambientais xeran un impacto inmediato sobre os dereitos humanos. No caso de Cerro de San Pedro, a empresa dixo que ía deixar o territorio como antes, cousa que é humana e tecnicamente imposible. Alí contaminaron a auga que vai a San Luis Potosí e o pó en suspensión afectou a cultivos, árbores froiteiras... Podreceu todo. O peor é que afecta á saúde das persoas e hai moitos máis casos de cáncer. Cerro de San Pedro pasou de ser un símbolo do Estado a estar devastado, coas familias en casas miserables. Houbo moitísimas demandas contra a mina e gañáronse todas, pero a mina segue operando e o goberno non fai nada. Noutros sitios o pobo chegou a acordos coa empresa, pero despois a empresa sempre incumpre eses acordos. Cáese no discurso de que vai haber emprego pero é mentira. As empresas mineiras son as que máis riqueza producen pero tamén as que menos emprego xeran. Hai xente que vende as terras, pero aos cinco anos arrepíntense ao ver todo devastado e xa non é posible botar á empresa.

Cada vez hai máis mobilizacións, aumenta a conciencia social e aos gobernos só lles queda reprimir co único fin de defender ao capital. Canto lle queda a este sistema?
O proxecto capitalista non é sustentable. A este ritmo o mesmo sistema está xerando mecanismos para non reproducirse, porque non pode seguir sempre crecendo sobre bens finitos. Temos que construír alternativas sustentables que respecten o medio e isto pasa por aumentar a resistencia, pero tamén por xerar experiencias antisistémicas que xeren outra cultura para vivir respectando os dereitos humanos, porque hai auga e terra para todos.

Se esperamos a que a solución veña de arriba estamos errados. Hai que construír no cotiá de xeito colectivo e comunitario.

Pero a este ritmo, ata cando chegará para todos?
Esa é urxencia. Urxe crear unha conciencia sistémica, pasar do local ao global e pensar no planeta. A loita de América Latina e Galiza é a mesma. Alguén me dicía que en España a xente está durmida, pero non o creo. A mobilización das mulleres foi exemplar para todo o mundo, ou a dos pensionistas. Hai mobilización, resistencia e conciencia de que precisamos outro mundo. Debemos fixarnos e sumarnos a todos eses grupos que fan moedas alternativas, bancos de tempo, cooperativas de enerxía… Se esperamos a que a solución veña de arriba estamos errados. Hai que construír no cotiá de xeito colectivo e comunitario.


Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Tribuna
Tribuna Decrecimiento azul: un enfoque necesario para mares al límite
Mientras se celebra la UNOC3 y en el contexto de cambio climático y pérdida de biodiversidad al que nos enfrentamos se necesita —también en el mar— un cambio de paradigma donde el crecimiento y la ausencia de límites dejen de ser la norma.
Sevilla
Medio ambiente La mina de Aznalcóllar volverá a producir en 2028: viejas heridas, nuevos vertidos
La Junta de Andalucía ha dado luz verde definitiva a la reapertura de la mina de Aznalcóllar a manos de la compañía Grupo México, un proyecto que pretende verter más de más de 17 mil millones de litros de aguas tóxica al río Guadalquivir.
#17983
4/6/2018 12:03

Necesaria entrevista, galiza non se vende!

4
1
Medio rural
Medio rural A esperanza da xestión colectiva fronte ao espolio: os comuneiros de Tameiga contra o Celta
Mentres varios proxectos industriais tentan privatizar e destruír os ecosistemas galegos, algúns grupos de veciños e veciñas organizadas fan oposición social construíndo alternativas comunitarias. Ás veces, tamén gañan ao xigante.
Ourense
Ourense Ourense organízase para loitar contra patrullas de extrema dereita nos barrios máis empobrecidos da cidade
A veciñanza e os movementos sociais responden ao discurso do medo promovido por Frente Obrero e sinalan a súa estratexia de criminalizar a pobreza e sementar odio en contextos de exclusión e abandono institucional.
O Salto medra contigo
Crowdfunding O Salto Galiza abre un crowdfunding para empapelar Altri
Queremos investigar os responsables políticos e empresarias do que podería ser o maior atentado ambiental da historia recente de Galiza.
Feminismos
Feminismo Dous anos sen reparación tras sufrir lesbofobia nun Rexistro Civil de Pontevedra cando ían inscribir a seu fillo
Un funcionario negouse a inscribir ao fillo de Antía e a súa parella. Un erro de redacción na lei trans está detrás dos argumentos que o funcionario esgrime para defender a súa actuación.

Últimas

O Teleclube
O Teleclube 'O Teleclube' alucina no deserto con Óliver Laxe e 'Sirat'
Laxe leva o seu cuarto premio de Cannes, esta vez en competitición, polo seu novo filme que explosiona na gran pantalla.
A Catapulta
A Catapulta O tempo, o espazo e a poesía de Estíbaliz Espinosa
A poeta visita A Catapulta para conversar sobre o seu traballo e a súa traxectoria literaria

Recomendadas

Medio ambiente
Medio ambiente Iberdrola proxecta un parque eólico que pon en risco un dos maiores xacementos fortificados de Galiza
A Xunta vén de declarar a utilidade pública para o parque eólico Castro Valente, a pesar de que a súa construción está suspendida cautelarmente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Culturas
Erika Lust y Sara Torres “El deseo tiene una potencia inagotable para transformar la realidad si lo liberamos de las normas”
Sexo, deseo o ética del placer son algunos de los temas que hilan la escritora Sara Torres y la productora de cine porno Erika Lust en ‘La abundancia del deseo’.