Literatura
Sucar o futuro: por unha política de mediación de lectura nos contextos rurais

A visión das bibliotecas no rural acostuma ser triste. Os poderes políticos mantéñenas simbolicamente pechadas e entre os seus muros non só quedan libros sen ser lidos, senón tamén os pensamentos, os imaxinarios e os dereitos da poboación.

1 ago 2020 07:20

Aos 23 anos non só saín da casa dos meus pais, senón que mudei de continente. Dun día para outro fun lanzada ao mundo da adultez no que tiña que lidar cos trámites migratorios, procurar un traballo e pagar a renda. Todo ao mesmo tempo. E, por se fora pouco, facelo en soidade nunha cidade na que apenas coñecía xente.  

Eventualmente chegou o inverno e comezou o frío. Non tiña traballo nin calefacción no piso onde vivía. Dediqueime a andar polas rúas baixo a choiva para distraer o meu espírito que desexaba retornar ao meu país. Inesperadamente, nunha desas camiñadas, no medio dun barrio de casas, apareceu fronte a min, grande e impoñente, unha biblioteca pública. Dentro estaba quente, había xente e, o máis sorprendente, ofrecía un gran catálogo de libros, todos a miña disposición. 

Agora sei que sobrevivín o inverno grazas á rede de bibliotecas de Barcelona. Nos seus libros encontrei oportunidades para esquecer momentaneamente os meus problemas que, ao mesmo tempo, eran 'boletos' de viaxe a outras realidades nas que podía verme reflectida dalgunha maneira. A lectura, o xeito no que lía, lembrabame quen era, onde tiña estado e o que tiña aprendido, cousas que ficaran no meu interior ao non ter amizades nin espazos onde compartilas.  

Foi dentro dos muros das bibliotecas, entre todas as páxinas que lin, que atopei referentes que me deron valor para recoñecer a escritura e a crónica como a miña vocación.  

*** 

Este verán cumprín dous anos vivindo nunha casiña no rural. O cambio de vida foi tan dramático como o é a diferenza entre unha cosmópole cunha poboación de 27 millóns e unha aldea de 300 habitantes. 

Aínda que nun principio a acollida da veciñanza foi extraordinaria, despois duns meses as condicións de vida comezaron queimarme. O illamento despregouse en tres dimensións: social, territorial e intelectual.  

A pouca e envellecida poboación, o terrible e custoso servizo de mobilidade e a falta de incentivos culturais deixáronme desolada. Alén do campionato de Tute ao fin de ano ou dos ocasionais Bingos, non hai oferta de actividades. E, por máis que tentei de usar a natureza como motivación e entretemento, co paso do tempo deixou de ser suficiente. Aínda precisaba de interlocutoras e espazos nos cales podía reflexionar e imaxinar. Estrañaba o cinema, o teatro, entrar a unha libraría, quedar con alguén para falar e rir... mentres ficaba na casa todo o día, esgotando os camiños, tratando de converter as charlas sinxelas sobre o clima en conversacións un pouco máis persoais. 

Unha vez tentei de baixar á biblioteca do meu Concello. Tiven que esperar a que alguén da veciñanza tivera que ir ao supermercado para que puidera levarme no seu coche e deixarme na praza da vila. Emocionada, fun cargada de libros para estudar. A biblioteca estaba baleira. Senteime e empecei a ler. Non pasaron nin 40 minutos e a bibliotecaria achegouse a min para informarme que estaba por pechar o inmoble e que tiña que marchar. Apenas eran as doce do día. 

Ao cabo do tempo, conformeime coa oferta de libros virtuais que ofrecen as plataformas dixitais das bibliotecas das comunidades... ou non.  

A REPERCUsIÓN DA LECTURA NOS MEDIOS RURAIS 

Bastante se ten escrito xa (aínda que parecera que non o suficiente) sobre a importancia da lectura e da súa mediación en contextos de precariedade e crise. A oportunidade de acceder á lectura, nos medios rurais como o galego é imprescindible. Porque alí onde moitas cousas se fan e se pensan dun xeito determinado por formar parte dunha tradición milenaria ou porque non se coñecen outras posibilidades, é onde o hermetismo e o conservadorismo botan raíces.   

A lectura, no obstante, dá a posibilidade de coñecer outros lugares e experiencias distintas, amplía a concepción do que é posible e incita ao imaxinario. Fai fronte ao caos, á precariedade. 

Aínda que a ficción e a fantasía cargan cun desprestixio por operar coma un “escape da realidade”, fan totalmente o contrario. Xa o dicía Michèle Petit, unha antropóloga dedicada ao uso das practicas culturais nos espazos en crises, ao documentar como a lectura doutras vidas axuda a organizar as propias emocións e pensamentos: ler incita á observación e a reflexión sobre as contornas, ás condicións de vida e o ao noso papel no mundo. Nese sentido, a lectura pode tamén incitar ao cambio, impulsar o pensamento político. 

No rural galego, a literatura brota coma a auga e atopa formas de intervir na vida cotiá en forma de lendas, mitos e contos. Estes son de particular importancia porque están formadas por representacións e metáforas que xorden do imaxinario dunha poboación. Por máis sinxelas ou “arcaicas” que puideran parecer, estas narracións fan uso da estética e simbolizan o mundo. É unha das maneiras nas que se consolida unha cosmogonía en particular.   

Este tipo de relatos son fundamentais para a cohesión dunha comunidade e para a concreción da súa identidade. É quizabes un dos factores que reforzan o sentido comunitario tan presente nas comunidades labregas.  

Con todo, moitas veces nos territorios con poboación máis reducida e illadas, é común que a identidade persoal, os seus desexos, sexualidade e pensamentos sexan cohibidos en maior ou menor medida segundo os valores destas comunidades. A lectura, no entanto e como sucede con outras prácticas culturais, incide no individual dun xeito máis directo. Clarifica o sentimentos, amplifica a consciencia da voz propia e axuda na construción da autonomía. 

AS BIBLIOTECAS RURAIS 

Secasí, a situación actual das bibliotecas nas zonas rurais de Galicia son lamentables. Por unha banda están aquelas que se encontran nunha situación de semi-abandono, cheas de libros vellos, sen coidado ningún, que non xeran expectativas nin curiosidade. Por outra banda, están esas recentemente remodeladas, luminosas, timidamente modernas, que, así e todo, abren só un par de horas pola mañá e un par pola tarde, supoño eu para aforrar cartos, xa que, de todos xeitos, non hai moita xente que faga uso delas. 

En calquera dos dous casos trátase de lugares simbolicamente pechados, alleos ás vilas. Poñer, manter ou remodelar unha biblioteca no centro das poboacións non fai nin fará cambio ningún. A xente -nova ou vella- que, por unha cousa ou outra, non tivo o privilexio de achegarse á lectura non vai a facelo só porque alguén poña un letreiro fóra dunha construción no que se lea: biblioteca pública. Para que alguén deixe detrás o medo aos libros fai falta un arduo traballo.  

O que se precisa é unha política de mediación de lectura que traballe coas comunidades e lles oferte outra posibilidade de ocio, de desafío persoal, de acceso á información. Como di Petit, a cultura é o dereito ao pensamento. Non tomar a responsabilidade para facela accesible, é negar eses dereitos á cidadanía. 

A falta de estímulos e a falta de referentes precarizan aínda máis as comunidades e teñen un impacto negativo no futuro, no imaxinario das poboacións.  

Beatriz Núñez, a actual directora de Espazo Lectura, unha asociación dedicada a achegar a literatura galega á comunidade do rural opina que na península “está fallando o concepto das bibliotecas. Por exemplo, a xente da universidade entende por biblioteca unha sala de lectura, unha sala de estudio. Falta ampliar o concepto biblioteca como centro cultural, como un centro dinamizador onde se teñen acceso a miles de contidos e onde se fan moitas cousas e todas as persoas teñen cabida, dende os bebés ata as persoas maiores. Iso é o concepto que eu teño de biblioteca, non un almacén de libros. Senón un lugar de encontros onde se crean sinerxías culturais. Esa é a mediación.” 

Espazo Lectura é un dos exemplos de como as asociacións civís son quen, ao final do día, toman a responsabilidade que lle pertence aos gobernos. Neste caso, foron as nais e pais de Gondomar quen procuraron dinamizar a biblioteca municipal que nas palabras de Núñez “non tiña nada”. Agora, Espazo Lectura conta cunha sede, unha biblioteca cun gran catálogo de libros en lingua galega e realizan actividades para todas as idades ao longo da semana.  

POR UN CAMBIO NAS POLÍTICAS 

A loita da administración contra o éxodo rural, que apela por axudas aos emigrantes retornados e apoios ás actividades gandeiras, non ten dado moitos froitos xa que a densidade demográfica non deixa de baixar. Non son as remodelacións de rúas ou dos parques de xogos o que fai que a xente fique a vivir nun lugar. Son as oportunidades de traballo e a oferta de espazos e actividades culturais nos que se poda alimentar o espírito. 

Se a política se segue comprendendo como meramente a administración dos cartos públicos e as iniciativas dos concellos nacen sempre da política de austeridade, a xente continuará a marchar na procura doutros lugares que lle ofrezan máis opcións.  

A mediación de lectura é, neste caso, só un exemplo máis das inversións necesarias que teñen que empezar a ser tomadas en conta.  

Eu, ao día de hoxe, estou desesperada por atopar un lugar na miña contorna onde a xente se reúna e diversifique os discursos, desenvolva e alimente a imaxinación, o pensamento crítico; que levante a autoestima. 

Sobre o blog
Espazo literario adicado a difundir a idea de que outros estilos de vida son posibles. Un repertorio que busca dignificar as experiencias e os coñecementos que existen nas zonas rurais a través da observación, reflexión e narración da vida social e cultural dunha aldea galega.
Ver todas as entradas
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Culturas
Cultura Residente cancela todos sus conciertos en los festivales propiedad del fondo proisraelí KKR
René Pérez, cantante y rapero que llegó a la fama bajo el paraguas de Calle 13, abandona los carteles del FIB de Benicasim y del Morriña Fest de A Coruña.
A Catapulta
A Catapulta O tempo, o espazo e a poesía de Estíbaliz Espinosa
A poeta visita A Catapulta para conversar sobre o seu traballo e a súa traxectoria literaria
Sobre o blog
Espazo literario adicado a difundir a idea de que outros estilos de vida son posibles. Un repertorio que busca dignificar as experiencias e os coñecementos que existen nas zonas rurais a través da observación, reflexión e narración da vida social e cultural dunha aldea galega.
Ver todas as entradas
CRTVG - Corporación Radio y Televisión de Galicia
CRTVG A Xunta do PP remata o seu plan de control sobre a CRTVG tras escoller á súa nova directora en solitario
A xornalista Concepción Pombo substituirá, co único aval do Partido Popular, a Alfonso Sánchez Izquierdo. O Goberno de Alfonso Rueda modificou a lei de medios para que os votos do seu partido fosen suficientes para elixila.
Altri
Altri A Plataforma Ulloa Viva cambia a súa directiva para os vindeiros anos de loita contra Altri
A veciñanza da comarca máis afectada escolleu entre dúas listas logo de non chegar a un consenso. A gañadora tratará de ampliar a súa base de socias e socios por toda Galiza e abrirá máis as portas ás grandes organizacións do país, como a CIG.
El Salto n.79
Altri A celulosa ou a vida: xornalismo situado e loita social para frear un ecocidio
O xoves 17 de xullo esperámosvos no CS 'A Nubeira' de Vigo para presentar o último número da revista El Salto xunto a algunhas das súas principais protagonistas: as que loitan contra o macroproxecto de celulosa liderado por Altri e avalado pola Xunta.
Altri
Altri Galiza elixe o rumbo da loita contra Altri nas eleccións á directiva da plataforma Ulloa Viva
A veciñanza da comarca máis afectada presenta dúas listas separadas logo de non chegar a unha proposta de consenso. Por unha banda, concorre unha candidatura continuísta e, pola outra, unha alternativa que se achega máis o nacionalismo institucional.

Últimas

O Teleclube
O Teleclube 'O Teleclube' alucina no deserto con Óliver Laxe e 'Sirat'
Laxe leva o seu cuarto premio de Cannes, esta vez en competitición, polo seu novo filme que explosiona na gran pantalla.
A Catapulta
A Catapulta O tempo, o espazo e a poesía de Estíbaliz Espinosa
A poeta visita A Catapulta para conversar sobre o seu traballo e a súa traxectoria literaria

Recomendadas

Medio rural
Medio rural A esperanza da xestión colectiva fronte ao espolio: os comuneiros de Tameiga contra o Celta
Mentres varios proxectos industriais tentan privatizar e destruír os ecosistemas galegos, algúns grupos de veciños e veciñas organizadas fan oposición social construíndo alternativas comunitarias. Ás veces, tamén gañan ao xigante.
Feminismos
Feminismo Dous anos sen reparación tras sufrir lesbofobia nun Rexistro Civil de Pontevedra cando ían inscribir a seu fillo
Un funcionario negouse a inscribir ao fillo de Antía e a súa parella. Un erro de redacción na lei trans está detrás dos argumentos que o funcionario esgrime para defender a súa actuación.
Ourense
Ourense Ourense organízase para loitar contra patrullas de extrema dereita nos barrios máis empobrecidos da cidade
A veciñanza e os movementos sociais responden ao discurso do medo promovido por Frente Obrero e sinalan a súa estratexia de criminalizar a pobreza e sementar odio en contextos de exclusión e abandono institucional.