Brasil
Eu tamén quero morrer un domingo

Hai once xogadores no centro do terreo de xogo, todos co brazo erguido, o puño pechado, apuntando ao ceo. Hai 40.000 persoas de branco impoluto nas bancadas, imitando o xesto. Orgullosos, pero tristes. Despiden ao Doutor Sócrates, e a homenaxe dos xogadores e seareiros do Corinthians era esperábel e merecida. Dicían adeus ao líder dunha revolución inédita no futebol mundial.

Sócrates Zico fútbol
Sócrates e Zico celebrando un gol no Mundial de 1982
9 ene 2019 09:00

A escena descrita antes corresponde ao comezo do Corinthians-Palmeiras xogado o 4 de decembro de 2011 no Estadio Pacaembú. Aconteceu durante o minuto de silencio de homenaxe pola morte de Sócrates Brasileiro Sampaio. E si, sei que para entender este xesto de pseudodevoción habería que contar un pouco da historia até chegar a esta data. Imos aló.

Sócrates Brasileiro Sampaio de Souza Vieira de Oliveira naceu en Belem de Pará un 19 de febreiro de 1954, aínda que a súa crianza foi en Ribeirão Preto, São Paulo. O nome é produto das lecturas e inquedanzas pola filosofía do seu pai, Raimundo Vieira, sumado a unha dose de intelectualidade e patriotismo. A noite do 31 de marzo de 1964, cando Sócrates tiña 10 anos, as principais cidades brasileiras foron tomadas polo exercito. Catro días máis tarde o presidente electo, João Goulart, viuse obrigado ao exilio no Uruguai. O 15 de abril, o Congreso designou ao Xeneral Humberto de Alencar Castelo Branco como novo presidente.

A ditadura militar no Brasil, tamén coñecida como Quinta República Brasileira, foi un réxime baixo o mando de sucesivos gobernos militares. O réxime adoptou unha directriz nacionalista, desenvolvimentista e de oposición ao comunismo. A pesar das promesas dunha intervención breve, a ditadura durou 21 anos. En 1967, coa aprobación da Constitución Civil, foi institucionalizado o sistema bipartidario no Brasil durante a ditadura; creando dous partidos, un a favor do réxime coñecido como Aliança Renovadora Nacional (ARENA) e outro opositor co nome de Movimento Democrático Brasileiro (MDB). Baixo a nova carta magna, o presidente non era escollido por votación popular, senón que era designado polas dúas cámaras do Congreso Nacional, controladas por ARENA.

O comezo

Pola súa banda, Sócrates ingresou na Facultade de Medicina antes de dedicarse ao fútbol, comezando a súa carreira profesional en 1974 no humilde Botafogo de Ribeirão Preto. Como xogador, desde un comezo, chamou a atención polo seu talento natural coa pelota. Apenas acudía aos adestramentos polos seus estudos universitarios, e non só por eles. En São Paulo era coñecido e público o seu consumo de tabaco e cervexa polas noites. E, a pesar diso, foi figura destacada conseguindo o título de máximo goleador no Campionato Paulista en 1976 e conquistando a Taça Cidade de São Paulo co Botafogo en 1977, sobresaíndo el entre todo o equipo. Ademais, co Botafogo, fixo a presentación dunha das súas marcas rexistradas: o toque de calcañar. Un recurso para compensar as limitacións de estabilidade debidas aos seus 1,92 metros de altura e ao seu pequeno pé talle 41.

Sócrates ingresou na Facultade de Medicina antes de dedicarse ao fútbol, comezando a súa carreira profesional en 1974 no humilde Botafogo

No modesto Botafogo tiña permiso do club para dedicar tempo aos seus estudos e ausentarse dos adestramentos, practicamente non adestraba. Ademais a ambición como xogador profesional era inversamente proporcional á súa predilección por esmorgas e bebedeiras. Non pensaba saír de Ribeirão Preto, até que chegou unha proposta do Corinthians que mudou o guión e o rumbo da súa carreira. Sócrates viu o presidente do Corinthians, Vicente Mattheus, ofrecer 350.000 dólares ao Botafogo por contratalo. Cifras que o situaban como xogador máis caro do Brasil até a data. Sócrates, frustrado por non ser convocado pola selección para o Campionato do Mundo de 1978, a pesar das súas boas presentacións co Botafogo, entendeu que o Corinthians podería darlle máis visibilidade no seu reto de disputar unha Copa do Mundo. Despois podería, incluso, pendurar as botas de fútbol. Amais, en 1978 conseguiu o diploma de médico, polo que tiña máis marxe para asumir as esixencias dun club máis grande, como o Corinthians.

Durante a década de 1970 a ditadura militar acadou un auxe na súa popularidade no Brasil co coñecido como milagre económico; e mentres no mesmo momento o réxime censuraba medios de comunicación; torturaba, asasinaba e exiliaba disidentes. Ademais o milagre económico agochaba diferenzas nos diversos sectores produtivos, sendo uns máis beneficiados ca os outros. As maiores ganancias foron parar ao capital estranxeiro e as empresas estatais que se expandiron moito durante o réxime militar. Afogada a economía nacional privada, as pequenas e medianas empresas mentres perdían espazo e o endebedamento externo medraba. O factor produtivo traballo, pola súa banda, tiña os salarios estancados. O milagre económico era xustificado polo crecemento do PIB e o xurdimento da chamada clase media, e ao mesmo tempo medraban os índices de desigualdade entre a poboación.

En 1979 asumiu o goberno o Xeneral Ernesto Geisel nun período de axustes e redefinición de prioridades, grave endebedamento externo, inflación e recesión: o milagre económico chegaba á súa fin. O crecemento económico, baseado na débeda externa, comezou a ficar cada vez máis caro para o Brasil. Unha das estratexias do goberno para enfrontar o momento de crise foi ir abrandando algúns aspectos da ditadura. Ademais, coa crise económica, chegou tamén o conflito político; nas fábricas, comercios e establecementos das administracións públicas o pobo brasileiro comezou un lento e gradual descontento.

O Crecemento

Un 20 de agosto de 1978, Sócrates, vestiu por vez primeira a camiseta albinegra do Corinthians contra o Santos. Moi vixiado, tivo unha actuación discreta. Seis días despois da estrea marcou o primeiro gol co Corinthians no Estadio Pacaembú. Na segunda tempada co Timão, cando xa era coñecido cos alcumes de Magrão ou Doutor, gañaron o Paulistão de 1979. En menos dun ano no Corinthians, Sócrates realizou o soño de vestir a camiseta verdeamarela do Brasil nun amigable contra Paraguai. No ano seguinte, Telê Santana asumiu o mando canarinho e convenceuno de que era preciso ser un atleta para xogar na selección. Polo tanto, meteu man dos malos hábitos e por vez primeira o seu comportamento era o dun xogador de fútbol profesional.

Non pasa nada. Perdemos, máis nada. Pero o baile que lles demos non o van esquecer nunca

Sufriu durante os tres meses de preparación para a Copa do Mundo de España 82, non se afastou da ríxida rutina de concentración. Chegou en plenitude física para exercer de capitán da selecção, incorporando o papel de líder dun dos equipos máis brillantes de todos os tempos que, na traxedia de Sarria, caeu dun xeito inesperado fronte ao pragmatismo italiano. Contan que cando Sócrates chegou ao vestiario e ao ollar a tristura dos seus compañeiros pola eliminación dixo: “Non pasa nada. Perdemos, máis nada. Pero o baile que lles demos non o van esquecer nunca”. Con todo, a eliminación no Mundial do 82 foi unha das frustracións máis grandes na vida do Magrão.

E aínda que a evolución de Sócrates como xogador era evidente; a comezos dos anos oitenta, cun pasado cheo de trofeos, o Corinthians non estaba no seu mellor momento deportivo. Ante o desastre que estaba vivindo o equipo, Vicente Mattheus cedeu o posto de presidente a Waldemar Pires. Unha das primeiras decisións que tomou foi nomear ao sociólogo Adílson Monteiro Alves como director deportivo do Corinthians. Con el mudaría o rumbo do club. As primeiras palabras de Monteiro Alves co vestiario foron: “O país loita pola democracia. Se é acadada, o fútbol quedaría á marxe porque aínda nos países democráticos o fútbol é conservador. Temos que mudar iso”. Doutrinas asembleares que pronto gozaron do favor dos pesos pesados do vestiario, a saber: o Doutor Sócrates, os ídolos da torcida Wladimir e Zenon e o rebelde dianteiro Casagrande. E o clima de euforia democrática dentro do vestiario acabou por relucir no céspede, os futbolistas eran conscientes de que o éxito do proxecto emprendido pasaba por facer chegar á pelota ao fondo da rede. E así, o mesmo cadro de xogadores que en 1981 protagonizara unha das peores campañas da historia do Corinthians, meses despois conquistou o Campionato Paulista de 1982.

Democracia Corinthiana

Na chamada Democracia Corinthiana do mesmo xeito que escollían cando e como viaxar, escollían os reforzos, o lugar de adestramento, a decisión de concentrarse. E votaban todos, desde o presidente ata o conductor do bus. Incluso os beneficios económicos das billeteiras eran repartidos a partes iguais entre todos. Pero os cambios no ámbito do fútbol era só unha faceta do seu interese para os xogadores do Timão, a finais de 1982 e despois que a ditadura accedera a chamar a eleccións para escoller gobernador do Estado de São Paulo, os xogadores do Corinthians durante cinco encontros saltaron ao campo coa frase “Dia 15 vote” nas costas das súas camisetas, situada enriba do dorsal.

Os cambios no ámbito do fútbol eran só unha faceta do seu interese para a plantilla do Timão

No ano 1983, o Corinthians deu continuidade ao movemento que daba voz a todos na toma de decisións. O Timão resolveu reforzarse e chegaron o goleador Leão, o zagueiro Juninho e o volante Paulinho. O Corinthians chegou á fase final do Paulistão, despois de ser líder nas dúas fases previas, para reeditar a final do ano anterior: Corinthians-São Paulo. No partido de volta da final, Sócrates e os seus compañeiros entraron no campo cunha faixa que puña: “Ganhar ou perder, mas sempre com democracia”. Ese día o Timão gañou o Campionato Paulista, o segundo gañado de xeito consecutivo.

En 1984, políticos de oposición, artistas, xogadores de fútbol e millóns de brasileiros participaron no movemento Diretas Já, que chamaba pola aprobación da Emenda Dante de Oliveira co obxectivo de reinstaurar as eleccións directas para presidente, suspensas desde 1964. O Doutor Sócrates, durante a mobilización para a aprobación da Emenda, falou en diversos actos para milleiros de manifestantes. Próximo a deixar o Corinthians para xogar no calcio, o número 8 do Timão prometeu que se a Emenda fose aprobada, el ficaría no Brasil. Mais, a pesar da presión popular, a Emenda foi rexeitada pola Cámara de Deputados o día 25 de abril de 1984 e a elección de presidente en 1985 foi novamente indirecta. Un mes despois do rexeitamento da Emenda, desilusionado co rumbo do país, Sócrates trasladábase á Toscana para ser presentado pola Fiorentina.

O Calcio e a retirada

Tras a saída de Sócrates do Corinthians, pouco despois, tamén abandonarían o equipo Casagrande, Zenon e Wladimir vendidos por motivos financeiros. Estas partidas significaron un duro golpe para o movemento da Democracia Corinthiana que pouco despois terminou de desincharse, cando Monteiro Alves perdeu en 1985 as eleccións internas do club. Brasil, teoricamente, recobrou a democracia en 1985 coa elección indirecta de José Sarney como presidente do país. Aínda que non foi ata 1989 cando a cidadanía brasileira puido votar de novo ao seu máximo mandatario.

Pola súa banda, Sócrates na Fiorentina non tivo moito suceso e regresou ao fútbol brasileiro un ano despois para fichar polo Flamengo de Rio de Janeiro. Como xogador do Flamengo foi seleccionado para disputar a Copa do Mundo de México 86 coa selección brasileira. Eliminados en cuartos contra Francia na quenda de penaltis, outra decepción como capitán da canarinha. No primeiro partido xogado polo Brasil, contra España, Sócrates acaparou todas as miradas pola cinta na cabeza que levaba coas palabras: “México sigue en pie”. Cidade de México seguía sufrindo as consecuencias do terremoto que asolara a cidade en 1985, ese era o sinxelo apoio do Doutor ao pobo do país organizador da Copa do Mundo. Durante todo o torneo, Sócrates portou outras mensaxes en cada partido.

Sobre a sua etapa no Corinthians declarou: esa foi a época máis exultante da miña vida. Dous anos e medio que valen por 40 de felicidade

O Doutor Sócrates, despois de xogar no Flamengo, fichou polo Santos para retirarse en 1989. A mesma semana que el colgou as botas de fútbol; tres días despois os brasileiros, incluído el, votaban de novo para a elección directa do seu presidente. Eses días perdeu o fútbol, pero gañou a democracia. Sócrates nunca máis vestiu a camiseta do Corinthians: “Xoguei os mundiais do 82 e 86 nunha marabillosa selección. Coñecín o calcio na Fiorentina, fun técnico. Escribo nun xornal deportivo e tamén poemas. Pero esa foi a época máis exultante da miña vida. Dous anos e medio que valen por 40 de felicidade”, a pesar de que, como el mesmo di, foi a época que máis marcou na súa vida.

Tentou ser técnico, pero non tivo éxito. “Nas concentracións, el bebía máis que todo o mundo”, declaraban os seus xogadores. E morreu con 57 anos, aínda que vivindo o suficiente para ver como os últimos oito anos da súa vida o presidente electo do Brasil foi o seu amigo persoal Luis Inácio Lula da Silva. Lula deixou a presidencia o 1 de xaneiro de 2011 e Sócrates deixou o noso mundo o 4 de decembro de 2011, vítima de complicacións no fígado derivadas do consumo prolongado de alcol.

A mesma semana que el colgou as botas houbo eleccións no Brasil. Eses días perdeu o fútbol, pero gañou a democracia

O mesmo día da morte de Sócrates, o Corinthians xogou contra o Palmeiras para facerlle unha dobre homenaxe. A primeira homenaxe foi o protocolario minuto de silencio, e a segunda homenaxe foi empatar o partido e asegurar o Brasileirão para o Timão, cumprindo así o último desexo do Doutor. En 1983, ao rematar un partido e cando os rumores da súa marcha a Italia era unha cousa do día a día, un xornalista preguntoulle polo seu futuro e as súas ambicións profesionais. Sócrates mirou aos ollos do xornalista e dixo: “Eu quero morrer em um domingo, e com o Corinthians campeão”. O certo é que Sócrates morreu o sétimo día da semana; e esa mesma xornada, ás sete da tarde, o Corinthians gañaba o seu quinto Brasileirão.

No Brasil hai dúbidas da veracidade das declaracións de Sócrates desta última anécdota. Pregunto que máis ten se é verdade ou non? É unha boa anécdota, é unha boa historia. Ademais, eu tamén quero morrer un domingo.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Brasil
Brasil El Gobierno Lula, prisionero de las maniobras del Congreso brasileño
Los líderes de los partidos de centro celebran la elección de los presidentes del Congreso y el Senado como una clara demostración del poder ampliado que poseen sobre el Gobierno para aumentar su influencia sobre los fondos públicos.
Brasil
Ana Carolina Lourenço y Fabiana Pinto “Organizar la imaginación es la lucha de nuestro tiempo”
En la vanguardia de los movimientos que plantaron cara a la extrema derecha bolsonarista, las mujeres negras cuentan con una largo recorrido en la disputa política brasileña. Un libro recoge su genealogía y sus miradas para el futuro.
Minería
Minaría Bruxelas cava fondo: litio galego para o novo militarismo europeo
No medio do rearme ordenado pola UE, Galiza entra no ámbito xeopolítico como potencial provedor de litio para a industria de defensa. Un enclave de alto valor ecolóxico en Doade (Ourense) converterase en canteira de baterías militares.
Economía social y solidaria
Tecnología Inteligencia Artificial y economía solidaria: ¿posibles aliadas?
¿Cómo debe relacionarse la economía solidaria con una tecnología que vulnera derechos humanos y ambientales constantemente? Cooperativas e investigadoras tecnológicas animan al movimiento a perderle el miedo y a utilizarla de manera crítica.
Multinacionales
Multinacionales Maersk y las rutas de complicidad con el genocidio israelí en Gaza
Crece la presión internacional contra la naviera danesa que está aprovisionando a Israel de armas para cometer el genocidio de Gaza en contra de las medidas cautelares tomadas por la Corte Internacional de Justicia.
Crisis climática
Crisis climática La UE se entrega al ardor guerrero mientras descuida la crisis social y la emergencia climática
Varios países de la UE ya están recortando drásticamente en servicios públicos y estado del bienestar para poder costear el aumento del presupuesto militar.
Historia
Historia Cuando la solidaridad antifascista reunió a musulmanes, judíos y cristianos en la España republicana
Marc Almodóvar y Andre Rosés rescatan a los combatientes árabes de la Brigadas Internacionales en el libro ‘Moros contra Franco. El antifascismo y la Guerra Civil española en el mundo árabe’.
Senegal
Senegal Una ‘Escuela de rehenes’ o cómo Francia usó la educación en África para transformar las mentes
La administración colonial francesa puso en marcha en 1855 un centro educativo que tenía el objetivo de formar a los hijos de los reyes locales mediante el borrado de su cultura.

Últimas

Estados Unidos
Estados Unidos La buena sintonía entre Trump y Meloni
Como era de esperar, los mandatarios mostraron afinidades políticas e ideológicas. La italiana insistió en la idea de “fortalecer Occidente”.
Series
Series Masculinidad hegemónica o plomo: la sátira contra los hombres en ‘The White Lotus’
La serie culmina de forma trágica, llevando al extremo la lógica neoliberal, y se cuestiona si es posible una transformación que no termine cooptada por el propio patriarcado.
Más noticias
Grecia
Grecia Frontex pone de nuevo la mirada en Grecia
En enero de 2025 el Tribunal Europeo de Derechos Humanos acusó a las autoridades griegas de llevar a cabo devoluciones forzadas de manera sistemática.
Valencià
València Duelo colectivo y brecha de género, las consecuencias de la dana en la salud mental
Más allá de lo material, el sufrimiento mental continúa golpeando las vidas de l´Horta Sud. Mujeres cuidadoras y colectivos vulnerables encabezan un luto que todavía no ha encontrado descanso.
Almería
Artes escénicas Almería reclama su (dancístico) lugar
A menudo relegada al olvido en los mapas culturales, esta provincia oriental sigue siendo una gran desconocida, a pesar de su riqueza histórica, su diversidad paisajística y su potencia creativa.
Palestina
Genocidio Israel sigue atacando hospitales, la ONU habla del peor momento en los 18 meses de asedio
No hay tregua en Gaza, donde Israel ha recrudecido las matanzas y sigue sin permitir el acceso de alimentos y productos de primera necesidad. La ONU denuncia asimismo el asesinato de más de 70 civiles en Líbano.

Recomendadas

Camboya
Camboya 50 años del inicio del genocidio en Camboya
El régimen de Pol Pot acabó con la vida de más de dos millones de personas. Solo tres integrantes de los Jemeres Rojos han sido condenados por crímenes contra la humanidad.
Comunidad de Madrid
Memoria histórica Contra la basura y el olvido: tras la pista de los cuerpos y de la memoria de los brigadistas internacionales
El Salto acompaña a un contingente internacional de políticos, políticas y activistas en una ruta en memoria de los brigadistas internacionales que acudieron a luchar a España contra el fascismo, en un ejercicio inspirador para el presente.
Poesía
Culturas Joan Brossa, el mago que jugó con la poesía para reinventar el poder de la palabra
Casi inabarcable, la producción creativa de Joan Brossa se expandió a lo largo —durante medio siglo XX— y a lo ancho —de sonetos a piezas teatrales, pasando por carteles o poemas objeto— para tender puentes entre el arte, la política y el humor.