O prelo
Ante a constante ameaza do fascismo, a defensa da vida

Umberto Eco desentraña o fascismo para que poidamos recoñecelo, desenmascaralo e sinalalo en calquera das formas coas que se camufla para filtrarse nas nosas vidas.
11 mar 2022 12:29

Hai uns anos, semellaba que podíamos baixar a garda e, coa seguridade de quen enuncia unha certeza, descansar sobre a estabilidade da democracia europea. Afirmamos que a época escura das guerras e os totalitarismos ficaba no pasado e que só quedaba afinar os detalles para alcanzar o bo vivir para toda a sociedade e xa non só para pequenas cúpulas privilexiadas. Cremos o conto de que Europa é o cume do progreso, o continente que vai sempre por diante e que marca a pauta que os demais, aínda no pasado, deben seguir. É quizabes por iso que o crecemento e posterior establecemento da ultradereita nos parlamentos e cámaras nos tomou por sorpresa. Mais isto só serviu para amosarnos que o fascismo sempre estivo alí, que ficara agochado, que nunca marchara. A ficción que nos contáramos rachouse.

Umberto Eco (Alessandria, 1932 - Milán, 2016) é un dos autores máis influentes da cultura occidental. A obra deste semiólogo, filósofo e escritor adoita centrarse na produción artística de vangarda (Obra aberta, 1962), na cultura de masas (O superhome de masas, 1976) e na análise e sistematización da teoría semiótica (Tratado de semiótica xeral, 1975). En 1980 publicou o libro que o consagraría como narrador, o xa clásico O nome da rosa, que recibiu o Premio Strega, máximo galardón literario de Italia.

No ano 1995, participou nun simposio na Universidade de Columbia. A conferencia que impartiu leva por título O Fascismo eterno e foi incluída na antoloxía Cinque scritti morali (1997).  Grazas á tradución de Benedict Buono e María Esther Martínez Eiras, Embora Edicións publica este texto por primeira vez en lingua galega.

Aínda que o discurso foi escrito pouco tempo despois dos atentados de Oklahoma City, un acto terrorista perpetrado por exmilitares simpatizantes da estrema dereita, Fascismo eterno dá ás lectoras a oportunidade de extrapolar o discurso do seu contexto até o noso. Coa claridade propia dun texto didáctico, o autor desentraña o fascismo para explicar a súa agoniante e constante presenza na sociedade. Nese sentido, Umberto Eco bríndanos, a través das súas palabras, unha oportunidade de comprender o estado das cousas e, sobre todo, de lembrar aqueles crimes que non deberían ser esquecidos xamais.

“En 1942, á idade de dez anos, gañei o primeiro premio dos Ludi Juvenies (un concurso de libre participación obrigada para rapaces fascistas italianos -é dicir, para todos os rapazes italianos). Elaborara con virtuosismo retórico o tema: “Temos nós que morrer para a gloria de Mussolini e para o destino inmortal de Italia?”. A miña resposta foi afirmativa. Era un mozo ben listo!”

Con este acto de memoria, comeza o libro. Non é pouca cousa: a través dos seus testemuños, Umberto Eco fala da incidencia do fascismo na vida cotiá e subxectiva. Así, desde a primeira páxina, o fascismo comeza a deixar de ser unha palabra afastada e coa sutil carga de estrañeza propia das cousas do pasado. O fascismo é subitamente algo máis tanxible, algo con implicacións na vida.

Ademais de dar espazo ás curtas anécdotas do autor, Fascismo eterno enumera as características do fascismo coa finalidade de facer fronte ao desdebuxamento do termo, ocasionado pola desinformación, pola trivalización e polo uso sen contexto e sen conciencia crítica. Esta fácil manipulación do termo, esa capacidade de camuflarse e desdebuxarse, ven de algo que sabemos desde hai tempo e que continúa a ser unha realidade: o fascismo carece dun proxecto político concreto e fundaméntase na retórica.

Neste punto, Umberto Eco axúdanos a comprender o que podería parecernos como unha serie contradicións entre diferentes proxectos fascistas. Dá luz sobre porque non podemos chamar nazismo ao falanxismo, posto que o primeiro é ante todo anticristián e pagán, mentres que o falanxismo era unha proxecto hipercatólico.

“O termo ‘fascismo’ adáptase a todo porque é posible eliminar do réxime fascista un ou máis aspectos e sempre se poderá recoñecer como fascista. Eliminade vós o imperialismo do fascismo e teredes Franco ou Salazar. Eliminade o colonialismo e teredes o fascismo balcánico. Engadide un anticapitalismo radical ao fascismo e teredes a Ezra Pound”.

Ademais disto, é fundamental mencionar un aspecto que devén da intolerancia ao desacordo do fascismo e do seu carácter nacionalista: a exacerbación e instrumentalización do medo á diferenza. Se, como di o autor, “para o fascismo, o desacordo é traizón”, a consecuencia lóxica é considerar a aquelas persoas que non concorden co proxecto da identidade nacional, como intrusas. Eco dio claro e alto: “O fascismo é racista por definición”.

Por outra banda, para o autor, unha das pezas chave do fascismo que comeza a tomar forza no presente é o “populismo cualitativo”, que se apoia na idea de que as persoas carecen de dereitos e que o “pobo” se comprende como unha masa monolítica que precisa dun líder que poida interpretala. E Eco di: “No noso futuro adivíñase un populismo cualitativo da televisión ou Internet, no que a resposta emocional dun grupo seleccionado de cidadáns pode ser presentada e aceptada como “a voz do pobo”.

Isto resoa no noso presente. No seu ensaio La palabra que aparece sobre a violencia e a palabra na actualidade, Enrique Díaz Álvarez di “Ampliar o noso xuízo e salvagardar a pluralidade e a complexidade humana ante os fanáticos do propio. En tempos nos que o corpo devén dato e un algoritmo prevé os nosos gustos e movementos, faise cada vez máis difícil poder atoparse e concretar co axeo, o reluctante, o desemellante ou oposto. Sobrelevar o desacordo. O neofascismo e tribalismo posmoderno ten moito que ver con esta cegueira e estreitez de miras. E creo que combater esta nova forma de empobrecemento da experiencia comeza por recuperar a lección de imparcialidade e ambivalencia homérica que nos obriga a reverter a toda costa a aniquilación e invisibilidade dos vencidos. Valorar casa corpo e cada historia non é un acto de piedade ou compaixón, senón de imaxinación política”.

Deste xeito, Fascismo eterno exíxenos meditar sobre o noso presente para recoñecer que os resaibos dos réximes fascistas aínda fican no proxecto do Estado nación vixente ou mesmo nos movementos sociais que, aínda nacendo desde o polo oposto á estrema dereita, comezan a desvirtuarse. Este exercicio de auto-análise pode desvelar os impactos políticos nas nosas subxectividades de tal xeito que recoñezamos en nós mesmas os erros e poidamos traballar noutro tipo de proxecto sociopolítico posible que finalmente recoñeza a diferenza non como algo que se poida eludir, nin tampouco algo que haxa que integrar, senón como algo inherente a todo territorio ou grupo social.

Umberto Eco chama a coidar o sentido das palabras para non sucumbir á manipulación ou ao esquecemento. Para que non perdan o seu valor. Coidar as palabras xera un tipo de compromiso substancial na loita pola defensa da vida. Fainos preguntarnos sobre que tipo de estratexias tomar para construír acordos e construír unha vida común.

“A vida non é tan fácil, O fascismo pode volver baixo a presenza máis inocente. O noso deber é desenmascaralo e sinalalo baixo cada unha das súas novas formas, cada día, en cada parte do mundo”.

Eco chama a un estado de alerta, a asumir a responsabilidade que cada unha de nós ten na loita pola vida. Ante esta tarefa interminable, a de defender a liberdade, a escritora Ursula K. Le Guin di:

“A liberdade é unha carga pesada, estraña e agoniante para o espírito que a leva. Non é cómoda. Non é un agasallo que se recibe, senón unha elección que se fai, e a elección pode ser difícil. O camiño ascende cara á luz; mais o viaxeiro que soporta a carga acaso non chegue xamais á meta”.

Poucos contextos como o noso espertan a sensación de que o pasado se repite, que a humanidade está condeada a repetir os mesmos erros e que, se foseo caso, o único que muda é o pano de fondo. Mais, por sorte, o tempo avanza e, por máis que queiran ser borradas, na terra fican as pegadas das palabras e historias de aqueles que nos antecederon; pegadas e palabras que viaxan no tempo até o noso presente para amosarnos, si, o ruín e escura que pode ser a humanidade, pero tamén a potencia que ten de sanar, coidar e preservar a vida. E é isto último, a defensa da vida en todas as súas formas, onde temos que dirixir a mirada e a súa procura. É a responsabilidade que temos que asumir.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Culturas
Erika Lust y Sara Torres “El deseo tiene una potencia inagotable para transformar la realidad si lo liberamos de las normas”
Sexo, deseo o ética del placer son algunos de los temas que hilan la escritora Sara Torres y la productora de cine porno Erika Lust en ‘La abundancia del deseo’.
El Salto Radio
EL SALTO RADIO Natalia García Freire: escritora de una generación volcánica
Sexto capítulo de la serie Aleteo sonoro, en el que volamos a los Andes ecuatorianos para conocer la infancia y las motivaciones literarias de la autora.
El Salto Radio
El Salto Radio Centenari de Josep Maria Llompart
Demà fa un segle del naixement d’aquest poeta mallorquí que sacrificà la seva vocació per mor de les exigències de la cultura que abraçà.
Xunta de Galicia
Política A Xunta recibe ao embaixador de Israel en funcións mentres Gaza agoniza ao bordo da fame
O Goberno de Alfonso Rueda escenifica a súa boa sintonía coa Administración de Benjamín Netanyahu apenas unhas horas despois de que Israel bombardease unha escola que servía de refuxio e ordenase unha evacuación masiva en Gaza.
Palestina
Genocidio La ONG anti-UNRWA lanzada por exespías y marines de EEUU siembra el caos en el reparto de alimentos en Gaza
La Fundación Humanitaria de Gaza (GHF) creada a comienzos de este año y vinculada a agentes del ejército y la inteligencia estadounidense ha sido acusada de desaparecer a una persona y disparar a quienes estaban esperando ayuda.
Alemania
Litigio climático Un tribunal alemán abre la puerta a que grandes emisores puedan ser responsabilizados de daños climáticos
El jurado descarta la demanda del agricultor peruano Saúl Luciano Lliuya por entender que el riesgo a su propiedad es demasiado bajo, pero esta misma argumentación podría llevar a condenas en otros casos.
Madrid
Derecho a la vivienda Victoria contra la Sareb: 16 familias consiguen firmar contratos después de años de lucha
Un bloque en lucha de Casarrubuelos (Comunidad de Madrid) consigue formalizar contratos con el banco malo, al que acusan de actuar “como un fondo buitre”. En Catalunya, diez ayuntamientos apoyan los reclamos de 62 hogares en huelga contra La Caixa.

Últimas

Universidad
Genocidio Las universidades españolas han firmado 44 proyectos con Israel desde septiembre de 2024
Los acuerdos dentro del programa Horizon Europe se han sucedido a pesar de las declaraciones de decenas de universidades de suspensión de relaciones con Israel.

Recomendadas

Culturas
Erika Lust y Sara Torres “El deseo tiene una potencia inagotable para transformar la realidad si lo liberamos de las normas”
Sexo, deseo o ética del placer son algunos de los temas que hilan la escritora Sara Torres y la productora de cine porno Erika Lust en ‘La abundancia del deseo’.