Ley de Vivienda
A vivenda colaborativa: unha solución á crise habitacional

Unha ferramenta para o dereito á vivenda pendente do apoio da administración pública.
Entrepatios fotogalería - 4
Festa de aniversarios no patio común do edificio colaborativo Entrepatios en Madrid. Álvaro Minguito
Hábitat Social é unha Cooperativa Galega centrada na xestión social do hábitat, no urbanismo participativo a arquitectura ecolóxica e a intervención comunitaria.
21 may 2024 06:05

Padecemos unha severa crise no acceso a unha vivenda digna, que afoga a amplas capas da poboación en todo o Estado español. En resposta, comezan a aflorar modelos alternativos aos do mercado, modelos que consideran a vivenda como ferramenta para garantir dereitos esenciais antes que como mercadoría e xeración de plusvalías.

Entre eses modelos alternativos atópase a vivenda colaborativa. Aquí, son as persoas usuarias as que conxuntamente promoven, deseñan e xestionan o lugar onde desenvolver o seu proxecto de vida, conxugando unidades habitacionais privadas e espazos comúns nos que compartir actividades, servizos e coidados. Este sistema pode estar soportado por distintas formas xurídicas ou de tenencia da propiedade dos inmobles, mais sempre respectando a función social da vivenda.

A solidariedade e o apoio mutuo son piares fundamentais da vivenda colaborativa, fomentándose relacións baseadas no respecto, a empatía e a colaboración, e onde cada persoa se sinta parte activa dun proxecto común. A autoxestión e a autopromoción son prácticas habituais, que permiten ao grupo tomar decisións colectivamente. Ademais, o deseño das vivendas realízase de xeito participativo, tendo en conta as necesidades e preferencias de todas as persoas implicadas,o cal non só garante espazos funcionais e cómodos, senón que reforza o sentido de pertenza. Sen renunciar a espazos privados, a vida comunitaria envolve este ambiente, onde a cooperación e a corresponsabilidade son valores cotiás: organízanse actividades conxuntas, compártense recursos e axúdanse mutuamente nos momentos de dificultade. Esta rede de lazos afectivos e sociais contribúe ao benestar emocional e ao desenvolvemento persoal de cada participante na iniciativa.

Estase evitando a especulación inmobiliaria, devolvendo á vivenda o seu valor de uso fronte o seu valor como mercadoría

De entre os distintos tipos de tenencia da vivenda colaborativa, salientamos o coñecido como cesión de uso. Trátase dun modelo no que a propiedade do inmoble é colectiva, é dicir, recae no conxunto da comunidade promotora, mais no que cada persoa ou unidade habitacional posúe o dereito de uso (indefinido e mesmo hereditario) da súa vivenda. En consecuencia, xa que non é posible a venda a terceiros, estase evitando a especulación inmobiliaria, devolvendo á vivenda o seu valor de uso fronte o seu valor como mercadoría. Falamos dun modelo con amplo percorrido a nivel mundial, con exemplos testeados como o do modelo ANDEL, que xestiona a día de hoxe 125.000 vivendas en cesión de uso en Dinamarca.

Algúns exemplos de cesión de uso na Galiza

Dende hai case dez anos, estanse a desenvolver este tipo de iniciativas tamén polo territorio galego, con diferentes escalas e en diferentes graos de evolución. Mesmo ten xurdido recentemente unha plataforma para a difusión deste modelo, o Grupo Galego de Vivenda Colaborativa, integrado (xunto con entidades da economía social) por iniciativas que comparten os valores da vivenda cooperativa en cesión de uso da Rede de Economía Alternativa e Solidaria de Galicia, como son: Outra Forma de Vivenda na Coruña, O Laghar no Morrazo, Alvariza, Un lugar ó que chamar fogar e Somos Amizar en Santiago de Compostela. O incipiente pero intenso avance do modelo en Galicia inspírase noutras experiencias exitosas ao longo do estado español, especialmente en Catalunya, onde é salientable, por exemplo, o traballo que dende o 2004 está a realizar a cooperativa Sostre Cívic na súa aposta pola cesión de uso.

Para conseguir que a vivenda colaborativa avance é esencial o papel da administración pública, tanto da autonómica como da local, para potenciar e ampliar un modelo e un ecosistema de entidades que xa está traballando por todo o país a prol do dereito á vivenda baixo esta fórmula. Ese apoio público debería materializarse en dous aspectos: dunha banda, a mobilización do patrimonio público do solo a favor deste tipo de iniciativas (a obtención de chan, que pode supoñer case a metade do custe da promoción, é un gran reto para estes proxectos), e doutro, a introdución de criterios técnicos, sociais e medioambientais nos pregos de licitación que favorezan a proliferación de proxectos de distintas escalas, axudando a diversificar e ampliar o ecosistema.

O caso do barrio de Xuxán na Coruña

Nese sentido, recibíramos con esperanza a licitación que a administración autonómica fixo en 2023 para destinar distintas parcelas no barrio de Xuxán da Coruña (antigo Parque Ofimático) á construción de vivenda en cesión de uso, pero entendemos que o resultado, que adxudicou inicialmente todas as parcelas á cooperativa Galivivienda (entidade con sede en Madrid) non é satisfactorio para acadar que o modelo avance e se consolide dunha maneira positiva. A centralización dunha cantidade de patrimonio público tan importante nunha soa entidade, que por outra banda non ten arraigo no territorio onde vai operar, non cremos que favoreza os criterios de xestión e control directos, corresponsabilidade, transparencia e participación, que tan relevantes son no modelo que nos ocupa.

Citamos este exemplo coa vontade de que sirva para mellorar futuras iniciativas por parte dos poderes públicos nunha dirección máis coherente co que representa o paradigma da vivenda colaborativa. Con esta mesma intención, enumeramos a continuación unha serie de posibles criterios a ter en conta en futuras licitacións de patrimonio de solo público, criterios que transcendan os soamente cuantitativos (de prezo e prazo) e que axuden a que iniciativas de menor escala e músculo financeiro máis modesto tamén poidan participar.

Que medidas tomar no futuro?

No proceso de licitación pública é fundamental avaliar criterios que favorezan a sustentabilidade social e ambiental. As distintas propostas técnicas que se presenten non poden obviar aspectos arquitectónicos, sociais, económicos, ambientais e de mobilidade, así como a creación de espazos comúns que fomenten a interacción e a comunidade. Resulta imprescindible a valoración da rendibilidade social da proposta, con xustificación clara do seu impacto positivo.

A vivenda colaborativa non só é consciente e respectuosa coas persoas usuarias, senón que debe ter moi en conta o impacto da edificación no planeta, tanto no seu proceso de construción como durante a súa vida útil (e mesmo no seu futuro desmantelamento, unha vez rematada esta), converténdose nun activo de loita contra a crise climática. Por iso, é transcendental que os requisitos impulsados pola administración pública teñan moi en conta este tipo de requirimentos técnicos: a pegada enerxética, a utilización de materiais ecolóxicos ou a incorporación de estratexias bioclimáticas que melloren a eficiencia enerxética son parámetros perfectamente avaliables nun concurso público.

A vivenda colaborativa debe propulsar a vida de barrio, facilitando a interacción social e satisfacendo as necesidades das persoas que habitan na súa contorna

A capacidade da edificación para relacionarse co seu entorno inmediato e contribuír ao desenvolvemento urbano, facendo cidade, integrándose na trama urbana existente e mellorando a calidade de vida da veciñanza, resulta tamén indispensable. A vivenda colaborativa debe propulsar a vida de barrio, facilitando a interacción social e satisfacendo as necesidades das persoas que habitan na súa contorna.

Así mesmo, consideramos elemental presentar un plan colaborativo de uso e mantemento dos elementos compartidos, que avale o seu bo funcionamento a longo prazo, dentro dunha proposta de vida comunitaria que inclúa servizos e actividades en espazos comúns. Este plan deberá ser transparente e accesible para todas as persoas integrantes da comunidade.

Finalmente, unha garantía de que as propostas se van desenvolver trala licitación sen deturpar estes principios é que incorporen perfís técnicos coñecedores deles. Así, podería ser esixible a presenza dun equipo multidisciplinar que debería contar con especialistas en distintos ámbitos como o xurídico, o económico, o social ou o técnico, con experiencia en aspectos como a autoxestión de espazos, os novos modelos de convivencia, participación cidadá, arquitectura ecolóxica, enerxías renovables, mobilidade sostible, etc...

A valoración deste conxunto de criterios no concurso de patrimonio de solo público fará posible unha selección de propostas que promovan unha vivenda inclusiva, colaborativa e sostible, en consonancia coas necesidades e valores da comunidade.

En definitiva, e mirando cara o futuro, esperamos que a administración pública sexa consciente da oportunidade real que ten de impulsar modelos alternativos aos do mercado de vivenda que nos trouxo á situación actual. Sabemos cales foron as causas que xeraron o serio problema que sufrimos; agora é necesario probar outras receitas para atopar solucións. O fomento da vivenda colaborativa non é a única política pública de vivenda que se pode impulsar dende a administración, pero consideramos que si se trata dunha alternativa poderosa e con futuro. Neste sentido, a administración debe explorar novos camiños, abrindo xogo e protexendo da fagocitación do mercado os modelos alternativos ao mesmo coa introdución de criterios sociais e medioambientais nas futuras licitacións de patrimonio público.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Granada
Personas sin hogar Denuncian en Fiscalía al Ayuntamiento de Granada por la falta de refugios climáticos para personas sin hogar
‘La Calle Mata’ denuncia al Ayuntamiento ante Fiscalía por las graves consecuencias para la vida de las personas sin hogar sin posibilidad de refugiarse de las temperaturas extremas del verano
Derecho a la vivienda
Econtrar un piso Reglas del juego si eres clase media y quieres comprar un piso en Madrid en 2025
La motivación a la hora de escribir este artículo nació de la tristeza que sentimos al encontrar un piso y, tras haberlo reservado, escuchar a otros pares que, sin siquiera haberlo visitado, ya querían quitárnoslo ofreciendo más dinero.
Madrid
Madrid Vecinas de Tribulete 7 presentan demanda colectiva por acoso inmobiliario contra Elix Rental Housing
Es la primera demanda colectiva que se presenta en España contra una socimi. El inquilinato quiere conservar sus hogares e impedir que se desarrolle el plan de pisos turísticos que pretende el propietario.
CRTVG - Corporación Radio y Televisión de Galicia
CRTVG A Xunta do PP remata o seu plan de control sobre a CRTVG tras escoller á súa nova directora en solitario
A xornalista Concepción Pombo substituirá, co único aval do Partido Popular, a Alfonso Sánchez Izquierdo. O Goberno de Alfonso Rueda modificou a lei de medios para que os votos do seu partido fosen suficientes para elixila.
Altri
Altri A Plataforma Ulloa Viva cambia a súa directiva para os vindeiros anos de loita contra Altri
A veciñanza da comarca máis afectada escolleu entre dúas listas logo de non chegar a un consenso. A gañadora tratará de ampliar a súa base de socias e socios por toda Galiza e abrirá máis as portas ás grandes organizacións do país, como a CIG.
El Salto n.79
Altri A celulosa ou a vida: xornalismo situado e loita social para frear un ecocidio
O xoves 17 de xullo esperámosvos no CS 'A Nubeira' de Vigo para presentar o último número da revista El Salto xunto a algunhas das súas principais protagonistas: as que loitan contra o macroproxecto de celulosa liderado por Altri e avalado pola Xunta.
Altri
Altri Galiza elixe o rumbo da loita contra Altri nas eleccións á directiva da plataforma Ulloa Viva
A veciñanza da comarca máis afectada presenta dúas listas separadas logo de non chegar a unha proposta de consenso. Por unha banda, concorre unha candidatura continuísta e, pola outra, unha alternativa que se achega máis o nacionalismo institucional.

Últimas

O Teleclube
O Teleclube 'O Teleclube' alucina no deserto con Óliver Laxe e 'Sirat'
Laxe leva o seu cuarto premio de Cannes, esta vez en competitición, polo seu novo filme que explosiona na gran pantalla.
A Catapulta
A Catapulta O tempo, o espazo e a poesía de Estíbaliz Espinosa
A poeta visita A Catapulta para conversar sobre o seu traballo e a súa traxectoria literaria

Recomendadas

Medio rural
Medio rural A esperanza da xestión colectiva fronte ao espolio: os comuneiros de Tameiga contra o Celta
Mentres varios proxectos industriais tentan privatizar e destruír os ecosistemas galegos, algúns grupos de veciños e veciñas organizadas fan oposición social construíndo alternativas comunitarias. Ás veces, tamén gañan ao xigante.
Feminismos
Feminismo Dous anos sen reparación tras sufrir lesbofobia nun Rexistro Civil de Pontevedra cando ían inscribir a seu fillo
Un funcionario negouse a inscribir ao fillo de Antía e a súa parella. Un erro de redacción na lei trans está detrás dos argumentos que o funcionario esgrime para defender a súa actuación.
Ourense
Ourense Ourense organízase para loitar contra patrullas de extrema dereita nos barrios máis empobrecidos da cidade
A veciñanza e os movementos sociais responden ao discurso do medo promovido por Frente Obrero e sinalan a súa estratexia de criminalizar a pobreza e sementar odio en contextos de exclusión e abandono institucional.