O prelo
Os libros que hai en nós

Contrario ao que se adoita dicir, a experiencia lectora non é unha práctica solitaria. “Os libros que hai en min” parte dunha perspectiva subxectiva para logo tender unha ponte coas lectoras.
27 nov 2021 16:28

Os nosos actos non son o único que nos define. Tamén nos determina aquilo que amamos. De alí que xurda de nós o impulso de partillar aquela paixón que desatan os nosos obxectos amados. Pero, vivilo de xeito colectivo, é dicir, atopar a alguén que comparta as nosas obsesións, é aínda máis satisfactorio. É por iso que o exercicio de falar de libros, de compartir o que as historias supoñen para nós non é necesariamente unha práctica ególatra, senón que pode resultar nun exercicio onde se pon en común o que amamos coa esperanza de comezar un diálogo, de crear unha pequena comunidade na que poidamos vernos reflectidas e sentirnos acompañadas. É así como Emma Pedreira, coa súa última obra Os libros que hai en min, vólvese a nosa compañeira e nós, as súas confidentes.

Emma Pedreira (A Coruña, 1978) é unha autora prolífica. A súa obra poética enmárcase na Xeneración dos 90. Ten máis dunha ducia de poemarios publicados, nos que destacan: O libro das mentiras (2012), Antídoto (2018), As voces ágrafas (2019). No ano 2017, o seu poema, “A lista da compra da viúva”, foi considerado o Mellor Poema do Mundo polo Premio Internacional de Poesía Jovellanos. 
Ademais de poesía, publicou sete libros de narrativa, como Bibliópatas e fobólogos (2017), que obtivo en 2017 o Premio da Crítica Española en Lingua Galega, ou a novela Besta do seu sangue (2018), que foi galardoado co Premio Xerais. A súa obra, ademais, expándese até o campo das artes plásticas, sendo autora de obras poético-visuais, nas que mestura a poesía co collage. Este ano, da man da editorial Cuarto de Inverno, Emma Pedreira irrompe no xénero do ensaio con Os libros que hai en min.

Este libro nun principio podería lembrar á novela de Agnès Desarthe, Como aprendín a ler, pois ambos constrúen un relato autobiográfico a partir da súa relación coa lectura que, curiosamente, en ningún dos casos comeza da mellor maneira. Con todo, Como aprendín a ler ten unha estrutura narrativa que nos permite pensala como un Bildungsroman, xa que a trama se enfoca na transición da infancia ao mundo adulto, etapa que a autora representa co momento en que accede con gozo á literatura. Os libros que hai en min, por outra banda, é unha sorte de álbum fotográfico organizado con coidado, ao cal percorres cada determinado tempo para mirar un momento particular ou só polo gusto de facer memoria. Un álbum polo que podes avanzar cronoloxicamente por aqueles momentos especiais ou darte a liberdade de retroceder unhas páxinas para logo volver a avanzar. É un ensaio biográfico libérrimo no que o ‘eu’ da narradora se vai construíndo a partir de experiencias lectoras.

Pasando os epígrafes, o primeiro co que nos atopamos é cunha “Declaración de intencións”, na que autora expón os motivos da creación do libro. Esta parte senta o ton da voz narrativa de todo o texto. Pedreira escríbenos sen pretensión algunha, como se estivese no noso salón, compartindo a súa vida con varios libros na man, recitándonos algúns fragmentos co obxectivo de que poidamos aprehender ou achegarnos o máximo posible á súas experiencias. Así, tan pronto comezamos a ler, Os libros que hai en min debélase coma un tecido bordado a man e composto por citas, listaxes, anécdotas, recomendacións, críticas, fragmentos de poemas e datos curiosos sobre escritoras célebres.

Deste xeito, Emma Pedreira reconstrúe en curtos capítulos toda a súa vida a través das súas lecturas. Un dos aspectos máis interesantes disto é que podemos observar como nace e vai tomando forma a perspectiva critica da autora respecto ao mundo que a rodea, ao sistema literario como tal ou a determinados textos. Así, entendemos por que até a metade do libro só aparecen nomeados libros en castelán e por que a maioría deles foron escritos por homes. Emma Pedreira, ao falar dunha lectura, logra resumir o que implica a experiencia de ler. É dicir, como o que lemos nos determina e nos forma como persoas.

“Creo que debo facer unha paréntese neste preciso momento e explicar por que ningún dos libros que comentei ata agora é en galego. Pois porque no meu colexio (...) non tiñan  empatía ningunha con outra lingua que non fose o español. (...) As lecturas da nosa literatura en galego eran só eses mínimos fragmentos que ofrecían os libros de texto, sempre a mesma xente, a triple entente do Rexurdimento, os trobadores, un pouco da Gaita Gallega e todo morría con Rosalía de Castro e a súa choromiqueira versión para escolares. (...) Así nolo pintaron e así o aceptamos. Pero só durante un tempo”

Mais, como se podería supoñer, a historia de Emma Pedreira como lectora está intrinsecamente ligada á súa relación coa escrita. En Os libros que hai en min podemos ler sobre os primeiros exercicios de escrita, tan intuitivos como poden ser os dunha adolescente autodidacta. Mais esta experiencia toma forza ao tratar a escrita como un proceso de creación colectivo.

“(...) comecei  levar cada día unha historia da miña invención á clase. Ao principio escribín tres liñas, para min, e linllas a unha compañeira. Unha historia de dragóns e magos e meigas libertarias que en seguida chamou a atención dunha compa que comezou a tecela man a man comigo. Cada tarde levaba unha de nós un capítulo da historia e cada mañá, nos recreos, liámola e liabámola porque o noso auditorio cada vez ía sendo maior”.

Porque o xeito en que está redactado este texto logra algo particular como é crear a sensación de comunidade en máis dun aspecto e en varios momentos do libro. É como se a autora, ao falar dela mesma e da súa experiencia subxectiva, lograse que nos vexamos reflectidos nas súas palabras. Ao lermos do seu primeiro achegamento coa lectura ou dos libros que máis atesoura, atopámonos pensando na nosa propia historia, na nosa propia relación coa lectura. O libro convídanos a facer memoria e, dese xeito, Os libros que hai en min, deixa de ser un soliloquio e pasa a converterse en “Os libros que hai en nós”.

Esta sensación volve a aparecer cando a autora abre a porta a un diálogo directo coas lectoras. Ao falar e recomendar varios títulos relacionados co Nadal, a autora remata humildemente: ”Coñecedes máis? Escribide. Por aí anda o mail da editorial”. E, evidentemente: hai pouco, nunha entrevista, a escritora comentou que ao pouco de publicar  o libro, comezaron a chegarlle decenas de mensaxes de lectoras que tomaron con confianza a man que ela lles tendeu.

É así que Emma Pedreira reproduce a sensación que esperta Irene Vallejo ao falar da intertextualidade na literatura como un diálogo infinito. A literatura pode non volvernos mellores persoas per se, mais ten a capacidade de crear espazos fértiles para a creación de comunidades. Os libros que hai en min é, nese sentido, un deses espazos nos que podemos encontrarnos e compartir.

“Cando as cousas te reflicten, cando che parece que falan de ti, cando te coñecen un pouco, interpélante, tócanche un recanto da pel cunha sensibilidade maior que as outras parcelas e fan que acordes”.

Hai pouco, atendín á aula dunha profesora de filoloxía portuguesa que, chea de paixón, dicía que lle encantaba ler porque tiña a sensación de ir xuntando amizades. Compartiu que as personaxes dos libros que lía deixaban unha pegada tan forte nela que ás veces se atopába soñando con eles. Ela dicía que isto lle espertaba unha sensación de riqueza. A lectura era, para ela, outra forma máis de relacionarse co mundo. Unha forma de atoparse sempre acompañada polas palabras.

Penso nisto porque no libro de Pedreira, os libros son máis ca obxectos vanais, pero tampouco son pezas sagradas. E é que a relación que temos con eles é, en efecto, semellante á dunha amizade: os libros acompáñanos e desgástanse de tanto acudirmos a eles; pérdense, procurámolos e, cando hai sorte, reencontrámonos. Coidámolos. Vivimos con eles. Facémoslles un espazo no noso fogar e tamén, ás veces, por amor ou por desasosego, deixámolos ir.

Os libros que hai en min é un tipo de ponte, un texto aberto ao corazón de Emma Pedreira, ao sentido e carácter comunal da literatura.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Culturas
Erika Lust y Sara Torres “El deseo tiene una potencia inagotable para transformar la realidad si lo liberamos de las normas”
Sexo, deseo o ética del placer son algunos de los temas que hilan la escritora Sara Torres y la productora de cine porno Erika Lust en ‘La abundancia del deseo’.
El Salto Radio
EL SALTO RADIO Natalia García Freire: escritora de una generación volcánica
Sexto capítulo de la serie Aleteo sonoro, en el que volamos a los Andes ecuatorianos para conocer la infancia y las motivaciones literarias de la autora.
El Salto Radio
El Salto Radio Centenari de Josep Maria Llompart
Demà fa un segle del naixement d’aquest poeta mallorquí que sacrificà la seva vocació per mor de les exigències de la cultura que abraçà.
Xunta de Galicia
Política A Xunta recibe ao embaixador de Israel en funcións mentres Gaza agoniza ao bordo da fame
O Goberno de Alfonso Rueda escenifica a súa boa sintonía coa Administración de Benjamín Netanyahu apenas unhas horas despois de que Israel bombardease unha escola que servía de refuxio e ordenase unha evacuación masiva en Gaza.
Palestina
Genocidio La ONG anti-UNRWA lanzada por exespías y marines de EEUU siembra el caos en el reparto de alimentos en Gaza
La Fundación Humanitaria de Gaza (GHF) creada a comienzos de este año y vinculada a agentes del ejército y la inteligencia estadounidense ha sido acusada de desaparecer a una persona y disparar a quienes estaban esperando ayuda.
Alemania
Litigio climático Un tribunal alemán abre la puerta a que grandes emisores puedan ser responsabilizados de daños climáticos
El jurado descarta la demanda del agricultor peruano Saúl Luciano Lliuya por entender que el riesgo a su propiedad es demasiado bajo, pero esta misma argumentación podría llevar a condenas en otros casos.
Madrid
Derecho a la vivienda Victoria contra la Sareb: 16 familias consiguen firmar contratos después de años de lucha
Un bloque en lucha de Casarrubuelos (Comunidad de Madrid) consigue formalizar contratos con el banco malo, al que acusan de actuar “como un fondo buitre”. En Catalunya, diez ayuntamientos apoyan los reclamos de 62 hogares en huelga contra La Caixa.

Últimas

Universidad
Genocidio Las universidades españolas han firmado 44 proyectos con Israel desde septiembre de 2024
Los acuerdos dentro del programa Horizon Europe se han sucedido a pesar de las declaraciones de decenas de universidades de suspensión de relaciones con Israel.

Recomendadas

Culturas
Erika Lust y Sara Torres “El deseo tiene una potencia inagotable para transformar la realidad si lo liberamos de las normas”
Sexo, deseo o ética del placer son algunos de los temas que hilan la escritora Sara Torres y la productora de cine porno Erika Lust en ‘La abundancia del deseo’.