O prelo
Carrusel: a muller en busca de sentido

Estamos compostas por un mar de lembranzas, feridas e herdanzas. Berta Dávila escribe sobre a arte de atar todos os nosos fragmentos e dar saída á dor a través da escritura.
Carrusel Berta Dávila
16 may 2021 11:29

“Unha escritora que non escribe nunca é un ermo. Unha escritora que non escribe parécese á muller que observa un campo de millo seco, resignada a ver como todo podrece despois das primeiras chuvias de outubro. Aínda que non haxa nada que recoller, as dúas saben que é preciso segar igualmente. En calquera caso, (...) sempre é posible queimar a terra labrada e marchar sen mirar atrás”.

Non importa canto avance a tecnoloxía nin se cada día hai unha ferramenta nova feita para axudarnos a situarnos xeográfica, espiritual ou mentalmente. Ao contrario, parecese que, entre máis detallados son os mapas e máis avanzada é a ciencia, máis perdemos a orientación, o sentido, a nós mesmas.

Nesa loita de intentar atar os cabos das cordas interiores que a conforman e a conectan co mundo exterior, a protagonista de Carrusel, unha escritora que pasou os últimos tempos en silencio, retoma o exercicio da palabra co obxectivo de organizar a existencia e atopar o sentido das súas experiencias vitais ao tempo que as transforma en poesía.

Berta Dávila (1987) naceu en Santiago de Compostela. A súa curta idade, publicou case unha decena de títulos, dos cales cinco deles foron premiados en diferentes certames. Carrusel, o seu penúltimo libro, foi publicado pola Editorial Galaxia a finais do ano 2019, o cal foi traducido ao castelán e obtivo o Premio de Novela Manuel García Barros e o Premio de la Crítica de narrativa gallega. De xeito paralelo á súa diéxese, esta novela representa a ruptura do silencio editorial de Dávila: apareceu seis longos anos despois da súa derradeira publicación, tempo que a mesma autora asegura que se tomou para pensar con xeito a onde quere levar a súa escritura. A súa publicación, Carrusel, irrompeu con forza, coleccionando aclamacións da crítica e consolidando así a Berta Dávila como unha das voces máis constantes e destacables da literatura galega contemporánea.

Nesta obra, a autora compostelá indaga nas lembranzas e o xeito en que estas se xeran, definen e transmutan a partir dos afectos. Así, Carrusel fala da herdanza, da pegada que deixan en nós a familia e a amizade, do xeito en que nos constitúen. Como se se tratase dunha capitá que coñece todas as rutas, destinos e recunchos do mar, Berta Dávila guíanos nun continuo exercicio que nos adentra nas augas da lembranza.

“Non xestiono ben o imprevisible, se cadra porque eu mesma son así a meirande parte do tempo. Imaxino que é algo que herdei, sen querelo, da avoa Úrsula. Mentres recollemos a súa casa, atopamos notas manuscritas en pequenos anacos de papel practicamente sobre cada obxecto de importancia, sobre cada caixón, sobre cada espello: as medicinas, os pequenos recados, a listaxe dos libros que están gardados na libraría e os que están na mesa de noite. Esa necesidade de controlar as poucas cousas que poden controlarse, de anotalas e darlles forma, parécese moito ao que eu fago: escribir para comprender a infinidade do mundo en que vivo coma se fose unha casa que me pertence”.

A narrativa e mesmo a estrutura de Carrusel, a pesar de estar dividida por capítulos, imita o fío de pensamento da protagonista. Isto fai que o libro adquira as características propias do acto de rememorar e torne un tanto confuso, desordenado. Non hai liñalidade, os tempos están revoltos. Aparece unha imaxe, un obxecto e, de súpeto, estamos noutro espazo, noutro ano. Deste xeito atravesamos unha vida enteira, o mar de episodios, imaxes e sentires da narradora. É unha lectura que exixe ás lectoras, que obriga a prestar atención ou, máis ben, que te convida a facelo, a subir ao barco, pois as palabras ofrecen unha vista tan fermosa que aceptas o boleto da viaxe para poder ir mar dentro, para non perder as vistas da experiencia que transmiten.

As personaxes secundarias, todas as que rodean a voz narrativa, son apenas bosquexos. Mais non é a intención da autora profundar neles. Mais ben e facendo honor ao título, xiran ao redor da personaxe principal como se ela –e nós, coma as súas acompañantes- estivese riba dun carrusel. Vémolos pasar, atopámolos e pérdense de vista, polo menos, até a próxima volta. Como sucede coa vida mesma: o relato continúa, o traxecto non para, seguimos a dar voltas sen poder deternos.

“Creo que non se debe dar forma coa mirada do tempo aos recordos felices. Non paga a pena esgazalos. Os recordos veñen en frascos de cristal, como o mercurio, e son perfectos ao contemplalos así. Pero se o cristal rompe, o mercurio expándese fermoso e terrible sobre as cousas. Igual que o recordo. Un recordo roto é un veleno mortal. Sen romper é a soidade”.

Nas escasas 120 páxinas do libro e entre fragmentos, Berta Dávila elabora un discurso introspectivo no cal tamén traballa sobre a saúde mental e a maternidade, temas que están sempre presentes, aínda que aparecen velados pola contiandade. É dicir que non se fai unha exposición deles, máis ben, dáse por sentado que forman parte da protagonista. Non se tratan como patoloxías que determinan á personaxe, mais ben, que a compoñen, como moitos outros factores máis. De feito, ao pasaren das páxinas, vemos o proceso de aceptación da enfermidade, de apertala e tomala como parte de nós, de saber que espazo ocupa na conformación da identidade.

“Véxome fragmentada nos espellos de plástico diminutos que forman a tapa e pregúntome se a miña identidade é tamén unha suma de fragmentos, se todas as identidades o son e, se fose así, se existe un espello idóneo en que debería mirarme para que me devolva unha imaxe de min mesma que me resulte máis doado aceptar que a que eu teño dentro, por detrás dos ollos”.

Abraia a capacidade que ten Dávila de crear imaxes e recordos tan vívidos que xeran a impresión, ao lelos, de que son nosos. Así, ao tempo que os fai protagonistas a través da escritura, nós tamén damos un pouco de sentido ás nosas perdas, medos, sentires e relacións.

“Escribo agora porque estou perdida. (...) Escribo para buscar a lóxica de engrenaxe e os seus obstáculos, e para que a música non deixe de soar e os cabaliños suban e baixen acompasados sobre ese automatismo que nos permite seguir con vida contra todo, formar parte de algo que prosigue a pesar de nós preso da inercia”.

Con Carrusel, Berta Dávila poetiza a existencia, dálle sentido. Ao final, aínda que se trate de ficción, é a razón pola que lemos. Nese sentido, coa súa obra, a autora ispe, desconstrúe e constrúe ás lectoras con mestría e tacto.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Galego
Manifestación Miles de persoas enchen Compostela cun berro único en defensa da lingua galega
A plataforma Queremos Galego conseguiu aglutinar voces diversas da Galiza social, política e cultural para “parar a emerxencia lingüística” que sofre a lingua propia e así esixir á Xunta “un cambio de actitude”.
Xunta de Galicia
Política A Xunta recibe ao embaixador de Israel en funcións mentres Gaza agoniza ao bordo da fame
O Goberno de Alfonso Rueda escenifica a súa boa sintonía coa Administración de Benjamín Netanyahu apenas unhas horas despois de que Israel bombardease unha escola que servía de refuxio e ordenase unha evacuación masiva en Gaza.
Palestina
Genocidio La ONG anti-UNRWA lanzada por exespías y marines de EEUU siembra el caos en el reparto de alimentos en Gaza
La Fundación Humanitaria de Gaza (GHF) creada a comienzos de este año y vinculada a agentes del ejército y la inteligencia estadounidense ha sido acusada de desaparecer a una persona y disparar a quienes estaban esperando ayuda.
Alemania
Litigio climático Un tribunal alemán abre la puerta a que grandes emisores puedan ser responsabilizados de daños climáticos
El jurado descarta la demanda del agricultor peruano Saúl Luciano Lliuya por entender que el riesgo a su propiedad es demasiado bajo, pero esta misma argumentación podría llevar a condenas en otros casos.
Madrid
Derecho a la vivienda Victoria contra la Sareb: 16 familias consiguen firmar contratos después de años de lucha
Un bloque en lucha de Casarrubuelos (Comunidad de Madrid) consigue formalizar contratos con el banco malo, al que acusan de actuar “como un fondo buitre”. En Catalunya, diez ayuntamientos apoyan los reclamos de 62 hogares en huelga contra La Caixa.

Últimas

Universidad
Genocidio Las universidades españolas han firmado 44 proyectos con Israel desde septiembre de 2024
Los acuerdos dentro del programa Horizon Europe se han sucedido a pesar de las declaraciones de decenas de universidades de suspensión de relaciones con Israel.

Recomendadas

Culturas
Erika Lust y Sara Torres “El deseo tiene una potencia inagotable para transformar la realidad si lo liberamos de las normas”
Sexo, deseo o ética del placer son algunos de los temas que hilan la escritora Sara Torres y la productora de cine porno Erika Lust en ‘La abundancia del deseo’.